Augas de Galicia di que hai anteproxecto do transvasamento do Verdugo pero ve "complicada" a obra "sen consenso"

Insta ao goberno de Vigo a mellorar as súas infraestruturas e a revisar a súa política tarifaria, que "fomenta o malgasto".

Por E.P. | Vigo | 20/09/2018 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

Augas de Galicia afirmou este xoves que non descarta "en absoluto" que se acometa a obra de captación do Verdugo para aumentar o abastecemento de auga ao sistema de Eiras, e asegurou que dita obra está en proceso de tramitación "ordinaria", á vez que recoñeceu que será "complicado" executala "sen consenso" dos tres concellos afectados.

Río Verdugo
Río Verdugo | Fonte: Gabriel González.

Así o trasladou o director do ente autonómico, Roberto Rodríguez, quen sinalou que este transvasamento se empezou a tramitar polo procedemento de emerxencia porque o goberno municipal de Vigo trasladou, en novembro do ano pasado, "que non podía garantir a auga potable máis de 25 días", en pleno período de seca.

No entanto, indicou, cando xa se empezou a redactar o anteproxecto, sucedéronse varios días de intensas precipitacións, que fixeron que o encoro de Eiras pasase de estar en niveis críticos, a ter que aliviar auga "en cuestión de 72 horas". A partir dese momento, apuntou, a tramitación da obra pasou a ser ordinaria "porque a emerxencia decae", e non se cumpren os requisitos legais para ese tipo de contratación máis rápida. En todo caso, e a preguntas dos medios sobre se se mantén a intención de levar a cabo esa captación, Roberto Rodríguez asegurou que xa está redactado o anteproxecto, e que se están solicitando os distintos informes sectoriais.

"SEN CONSENSO"

No entanto, o director de Augas de Galicia admitiu que será "moi complicado" executar esa obra "sen consenso", e lembrou que son tres os municipios afectados por esa actuación, e dous deles, Pontecaldelas e Soutomaior, xa expresaron a súa "oposición total".

A ese respecto, Rodríguez lamentou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, centrase os seus esforzos en criticar á Xunta e acusar o Goberno galego de non querer facer a obra, en lugar de reunirse cos rexedores desoutros concellos e tratar de chegar a un acordo. "Menos buscar confrontación, e máis buscar consenso", sentenciou.

TRANSVASAMENTO A LONGO PRAZO

Con respecto ás solucións a longo prazo para garantir o abastecemento de auga a Vigo e os municipios da súa contorna, Roberto Rodríguez incidiu en que, segundo un informe técnico de 2012, a mellor opción é un transvasamento desde o río Miño (unha alternativa que non convence ao goberno vigués por custos e por calidade da auga).

O director de Augas de Galicia recalcou que esa opción é a menos daniña porque "o río Miño nin se decataría" e, aínda que recoñeceu que os custos de explotación son máis elevados, precisou que "o bombeo non ten por que funcionar continuamente". Así mesmo, apuntou que os riscos sobre a calidade da auga bruta son maiores nos encoros que no río e, en todo caso, a auga que chega aos domicilios "é tratada".

MEDIDAS DE AFORRO

Por outra banda, celebrou o "cambio radical de actitude" do alcalde, con respecto ao aforro de auga, despois de que o rexedor vigués transmitise a necesidade de facer un uso responsable deste ben, mesmo agora que os encoros están en bos niveis. "Cando a Xunta decretou a alerta en outubro de 2017, o alcalde de Vigo dicía que non ía tomar medidas", lembrou o responsable do ente autonómico. Con todo, Roberto Rodríguez pediu a Abel Caballero que "non quede só no xesto" de pedir consumo responsable porque, dentro do ámbito das súas competencias, o Concello de Vigo pode adoptar outras medidas.

Así, convidou ao goberno vigués a "plantexar en serio" investimentos para mellorar as súas infraestruturas, entre elas, a estación potabilizadora do Casal. Do mesmo xeito, tamén instou a Vigo a "revisar a estrutura tarifaria" do ciclo da auga, xa que a actual (na que se cobra un mínimo aínda que non se consuma) non promove un consumo responsable, senón que "fomenta o malgasto".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O da auga en Vigo ten moita coña: facturan por 30 m3 (11,54 euros) facturan por saneamento dos 30 m3 (12,55 euros) facturan por aluguer de contador (0,77 euros) e logo facturan algo que chaman cota fixa (7,60 euros) = total verbena = (máis 1,02 euros que embolsa Augas de Galicia) = 36,81 EUROS !!! O consumo real foi de 7 metros cúbicos! Pero non hai xeito de saber cal é o nivel de DEPURACIÓN da EDAR lo Lagares https://flic.kr/p/QpAGAj