O alcalde de Ponte Caldelas pide que se investigue o asasinato por parte da Policía do Brasil dun emigrante

"O que a Policía Militar dixo na súa declaración é que o confundiron cun ladrón e que crían que o vehículo cometera algún roubo, pero non nos parece lóxico que fixesen eses disparos", di o rexedor.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2018 | Actualizada ás 12:16

Comparte esta noticia

O alcalde de Ponte Caldelas (Pontevedra), Andrés Díaz Sobral, considera necesario que se aclaren as circunstancias nas que faleceu en Brasil un fillo de emigrantes da localidade, debido aos disparos da Policía Militar, ante as "informacións contraditorias" que están a recibir os familiares. En declaracións a Europa Press, avanzou que o Concello, na Xunta de Goberno da mañá deste venres, decretará dous días de loito oficial.

Grupo especial da policia militar do Brasil
Grupo especial da policia militar do Brasil | Fonte: brasilinfo.net

Ademais, a nai e o irmán do falecido, resaltou, xa se desprazaron á cidade de Salvador de Baía na que faleceu Marcio Pérez, de 41 anos, pero de momento descoñécese se os restos mortais serán repatriados. O home, que tiña a súa residencia en Brasil, tiña dous fillos.

Andrés Díaz Sobral denunciou que "o que chegan son informacións contraditorias", polo que sostén que será preciso que se realice "unha investigación aclaratoria", para clarificar as circuntancias nas que a Policía Militar da cidade brasileira disparou o mércores ao coche no que viaxaba o falecido, ao confundilo cun vehículo que cometera un roubo.

Marcio Pérez Santana atopábase nese momento preto da súa residencia. Fillo de emigrantes en Brasil, xa retornados a Ponte Caldelas, rexentaba unha consultora xunto con outro socio en Salvador de Baía. "O que a Policía Militar dixo na súa declaración é que o confundiron cun ladrón e que crían que o vehículo cometera algún roubo, pero non nos parece lóxico que fixesen eses disparos", explicou.

Segundo as primeiras informacións das que dispuña, de momento pendentes de confirmación, o falecido non pararía nun control policial, que non estaba correctamente sinalizado, ante a sospeita de que podería tratarse dun intento de atraco.

O alcalde de Ponte Caldelas mantivo durante a mañá unha conversa telefónica coa subdelegación do Goberno en Pontevedra, que se ofreceu a colaboración do organismo á familia para a realización de xestións ou trámites administrativos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta