Por E.P. | A CORUÑA | 21/09/2018 | Actualizada ás 16:48
A fiscala xeral do Estado, María José Segarra, defendeu a actuación con "absoluta profesionalidade" do Ministerio Público no proceso xudicial contra os líderes independentistas e rexeitou que houbese "ningunha instrución ou suxestión" a este respecto desde instancias políticas. Así o manifestou a preguntas dos xornalistas antes de clausurar a Escola de Verán do Ministerio Fiscal, no Pazo de Mariñán, en Bergondo (A Coruña). Preguntada sobre as supostas presións á Fiscalía denunciadas desde o sector independentista, dixo que a orde constitucional vixente supón un Ministerio Publico "autónomo e independente".
"Non recibín ningunha instrución, ningunha suxestión" insistiu a fiscala xeral do Estado, quen apelou tamén á "absoluta profesionalidade" dos fiscais nesta causa. "E rigor para aplicar o principio de legalidade de forma igualitaria", insistiu.
DEFENDE A "TOTAL TRANSPARENCIA"
Ademais, a fiscala xeral do Estado defendeu "a total transparencia" na toma de decisións por parte do Ministerio Público. Na mesma liña, dixo que actúa analizando sempre "caso por caso" e con "absoluto rigor". Fíxoo ao ser preguntada polas declaracións do conseller de Acción Exterior, Relacións Institucionais e Transparencia da Generalitat, Ernest Maragall, que afirmou, nunha entrevista a Onda Cero, que a ministra de Política Territorial, Meritxell Batet, comprometeuse a dar instrucións á Fiscalía sobre o proceso soberanista.
Posteriormente, e por mor da polémica sobre as súas declaracións, Ernest Maragall asegurou que a ministra "defendeu a imposibilidade de dar instrucións a unha Fiscalía concreta para un caso concreto". "Facer correr que un dixo o que non dixo é tan fácil como perverso. Por sorte o diálogo real está por encima", afirmou en tres tuits recollidos por Europa Press.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.