Recuperar a memoria da raia entre Ourense e Norte de Portugal

Miriam González e Iris Justo son dúas novas realizadoras que veñen de editar "A Memoria da Raia", unha curta sobre a vida que se desenvolvía na fronteira ata hai unhas décadas. Así, conseguiron recuperar historias e sucesos que estaban apiques de desapareceren.

Por Moncho Mariño | OURENSE | 21/09/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Por que esta peza ten o nome de “A memoria da raia” e cal é a raíz de onde nace a idea que o levou adiante?
Chámase así porque queriamos rescatar os acontecementos que se deron nun período concreto. A Guerra Civil do 36 ao 39 e logo o contrabando que tamén ten a ver coa guerra, pois aquí faltaban moitos produtos que se podían mercar en Portugal. A idea naceu dun festival de curtas que se fixo en Verín, e unha das temáticas era o tema das fronteiras. Tanto eu como Iris Justo, a outra directora, decidimos facer unha curta sobre a nosa fronteira. Esa era a idea inicial e así saímos coas cámaras e démos con historias moi interesantes. Ese foi o primeiro proxecto pero quixemos amplialo. Durante un ano Iris máis eu separámonos por cuestións laborais e aproveitamos para buscar información e documentármonos mellor. Así decidimos no verán pasado continuar as gravacións e darlle outro formato e darlle outra visión diferente e ampliar a temática.

Zona da Raia entre Ourense e Portugal
Zona da Raia entre Ourense e Portugal | Fonte: Miriam González

-Cales son as historias con máis peso dentro da vosa curta?
O tema dos refuxiados foi o que máis nos sorprendeu. Porque non caeramos na conta que as fronteiras tamén son para fuxir. Nós non eramos conscientes que na nosa se dera iso. Así coñecemos a historia dunha vila chamada Cambedo da Raia, que foi mixto, coa liña da fronteira pasando polo medio, por tanto era unha vila medio galega e medio portuguesa. A raíz de aí houbo unha grande conexión entre os lugares darredor. Cando estala a guerra en España a xente foi refuxiarse neses lugares ao outro lado da liña. Cambedo foi lugar onde tamén houbera guerrilla durante dez anos. Así, a Garda Civil, a Guarda Nacional Republicana e a Pide, a policía secreta portuguesa, decidiron acabar cun foco de guerrilla do que só quedaban tres persoas. Bombardearon o lugar con morteiros durante dous días, toda a xente sufriu as consecuencias, cincuenta persoas foron apreixadas por acoller refuxiados por seren veciños e moitas veces con lazos familiares entre eles. Esa é unha historia que a xente máis nova non coñecía. O tema do contrabando non ten unha raíz folclórica, senón que é unha actividade perigosa. Podían matarte, enviarte ao cárcere e multas terribles. Logo nunha terceira parte, centrámonos en definir que é a nosa fronteira. É única no mundo porque ademais temos unha lingua única, a lingua da raia, que mestura galego e portugués.

"Cambedo da Raia foi bombardeado no ano 1946"

-Podes poñerme un exemplo?
Isto contóunolo unha antropóloga, Paula Godiño. Escoitou unha conversa onde un portugués lle dicía á veciña galega: “o outro día tuve um problema com o coche” e ela respondeulle: “Que che pasou co carro?” Intercambian as palabras para entenderse.

-Cando se fala de contrabando e dos seus perigos habería algún que outro produto que se tratase máis.
O que máis destacou en todas as conversas que tivemos foi o café, tabaco, sabas e de wolframio. A raíz da II Guerra Mundial, porque había minas en Montealegre e Vilar de Perdices e si se sabe que ese mineral foi enviado tanto ao lado inglés como o alemán. Oímos de xente que pasaba wolframio desde Portugal que era neutral, mentres que España houbo un primeiro momento que estaba posicionada co Eixo.

"Hai unha lingua propia, a  lingua da raia"

-Como ves a relación entre as xentes da raia comparada con aqueles tempos?
Estamos nun momento complicado porque hai un grande despoboamento tanto do lado portugués como galego. Tamén é curioso que cando se abriron as fronteiras as relacións como que se separaron, antes había unha relación nas festas, casaban entre eles, pero a partir da apertura de fronteiras houbo unha fortísima emigración, pero aínda se manteñen lazos de amistade, familiares e sociais. Pero hai xente que vive o de agora e viviu o de antes, que din que non hai tanta convivencia.

-Nótase algunha caste de animosidade hoxe en día?
Non especialmente, só que a xente vai maior e non ten xa esa capacidade que tiña antes e a xente nova está fóra. Xa non hai xente, ese é o problema nos dous lados. Non hai traballos comuninais, e non é necesario xuntar xente para facer cousas.

"Aínda se manteñen lazos entre as persoas da raia"

-E hoxe en día existe algún elemento dinamizador transfronteirizo?
Está o proxecto da UE chamado Eurocidade entre Chaves en Portugal e Verín en Galicia, que foi a primeira en proxectarse en toda a Unión. Tamén en turismo queren pór en común o tema das augas termais, viños, etc. Hai cousas como ir a Portugal para mercar cousas ou servizos máis baratos.

-Hai máis fluctuación Ourense-Portugal ou ao revés?
Non vexo grandes diferenzas, en Chaves oes galegos e en Verín oirás portugueses.

-E ti buscas unha colaboración transfronteiriza para levar adiante un proxecto como este pero nun formato máis amplo?
Sería interesante, pero xa serían necesarias as axudas institucionais, porque nós somos un equipo pequeno, nós as dúas, unha cámara e os nosos carros. Pero como dixemos na presentación, quedaron moitas historias por contar, moitos lugares que visitar e polo formato non puidemos visitar todos os lugares, forma parte do noso patrimonio inmaterial e por esa solidariedade entre as persoas que borra as fronteiras. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta