Francia, Portugal e Italia concentran case o 40% das exportacións galegas

As vendas no exterior superaron os 11.600 millóns de euros no primeiro trimesre. Téxtil e automoción lideran as vendas no exterior e sitúan A Coruña e Pontevedra como provincias máis exportadoras

Por E.P. | VIGO | 24/09/2018 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

As exportacións de Galicia no primeiro semestre de 2018 alcanzaron unha marca histórica, con 11.670 millóns de euros, o que supón un incremento interanual do 7,32 por cento, moi por enriba do crecemento nacional (do 2,87 por cento), e reflicten que o téxtil e a automoción seguen liderando as vendas no exterior.

Javier Losada, Patricia García e Sergio Prieto
Javier Losada, Patricia García e Sergio Prieto | Fonte: Europa Press

Así o trasladou este luns en rolda de prensa o director de Comercio e do ICEX en Galicia, Sergio Prieto, quen explicou que se confirma a tendencia iniciada en 2014, cando a provincia de Pontevedra cedeu o liderado das exportacións. Así, A Coruña volve ser a provincia máis exportadora de Galicia (e a cuarta de España), seguida por Pontevedra (a sétima de España), Ourense e Lugo.

A Coruña representa o 48,83 por cento da exportación galega, seguida por Pontevedra, cun 44,75 por cento, o que evidencia que o principal tractor das exportacións segue sendo "o eixo Ferrol-Tui", segundo incidiu Sergio Prieto. Nestas dúas provincias atlánticas, a taxa de exportacións experimentou importantes crecementos: 11,32 por cento no caso da Coruña; e 5 por cento no caso de Pontevedra.

Na provincia de Ourense, con todo, as vendas no exterior se teñen estancado e, no primeiro semestre do ano, o crecemento foi do 0,36 por cento. Na outra cara da moeda está a provincia de Lugo, onde as exportacións descenderon algo máis dun 10 por cento na primeira metade do ano.

Con respecto á balanza comercial, Prieto destacou que Galicia é a segunda comunidade autónoma de España en superávit comercial, cunha cifra que supera os 2.200 millóns. Así, fronte aos máis de 11.600 millóns de euros en exportacións, rexistráronse 9.446 millóns en importacións.

ANÁLISE POR SECTORES

Por sectores, os que teñen maior peso nas exportacións galegas seguen sendo as manufacturas de consumo (principalmente o téxtil, cun 25 por cento) e a automoción (automóbiles e compoñentes), seguidos por semimanufacturas (como produtos metálicos e químicos) e alimentación (sobre todo pesca).

O responsable do ICEX tamén se referiu a aqueles sectores considerados "máis dinámicos", é dicir, os que crecen un 10 por cento ou máis. Así, destacou o comportamento das semimanufacturas e da automoción.

DESTINO DAS EXPORTACIÓNS

Os países da UE seguen sendo o principal destino das exportacións galegas e, dentro do ámbito europeo, a maior parte de vendas de producen para Francia (máis do 19 por cento), Portugal (máis do 13 por cento), Italia (9,3 por cento) e Reino Unido (7,3 por cento).

Fóra de Europa, Marrocos é destino de algo máis do 3 por cento das exportacións galegas, seguido por Estados Unidos (un 2,5 por cento) e Turquía (un 2,19 por cento).

FORTALEZAS E DEBILIDADES

Á luz destes datos, Sergio Prieto concluíu que Galicia ten empresas "con potencial" e "experiencia", que ofrecen produtos "de alta calidade tecnolóxica", e valorou a "boa imaxe" que estas empresas teñen no exterior.

No entanto, segue habendo debilidades, entre as que destacou a excesiva dependencia dos ingresos financeiros, a escasa dixitalización das pemes, ou o pequeno tamaño de moitas das empresas, que lles impide competir no exterior.

Tamén apuntou que as exportacións galegas están demasiado "concentradas" na UE e, en concreto, en tres países (Francia, Portugal e Italia). A ese respecto, sinalou o hándicap que supón "non estar máis presente en países emerxentes", como Xapón, Corea, ou Canadá.

Finalmente, Prieto recoñeceu que Galicia é "unha illa" dentro do territorio español pero que "tarde ou cedo" se notará o decrecimiento nas exportacións que xa se evidencia en España. Nesa liña, está por ver o impacto de cuestións como o 'brexit', unha posible subida impositiva que afecte ao diésel, ou as políticas proteccionistas de Estados Unidos.

Na presentación destes datos acompañaron a Sergio Prieto o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e a presidenta do Círculo de Empresarios, Patricia García. Mentres que Losada incidiu en que as boas cifras de exportación en Galicia "marcan o camiño a seguir" e reflicten o compromiso do Goberno coas empresas, Patricia García convidou a "non baixar a garda" e insistiu en potenciar a diversificación e a internacionalización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta