Falece a nena ferida na colisión entre dous coches e un bus escolar en Vilanova de Arousa

No accidente tamén resultaron feridos a súa nai, de 26 anos, e outro menor que viaxaban no autobús escolar.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2018 | Actualizada ás 10:29

Comparte esta noticia

A nena de tres anos que este luns resultou ferida nun accidente entre dous coches e un autobús escolar, en Vilanova de Arousa (Pontevedra), faleceu de madrugada debido ás lesións sufridas.

Hospital Clínico de Santiago
Hospital Clínico de Santiago

Fontes da Garda Civil informaron que está aberta unha investigación para dilucidar as circunstancias do accidente. O falecemento da menor produciuse ao redor das cinco da madrugada.

A menor fora trasladada en helicóptero ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. A súa nai, unha muller de 26 anos de idade, e outro menor que viaxaba no autobús escolar, tamén resultaron feridos no accidente e foron trasladados ao Hospital do Salnés. No autobús escolar, segundo a información facilitada polo 112, viaxaban dez nenos que se dirixían a un colexio de Cambados.

O sinistro produciuse ao redor das nove da mañá do luns na PO-307, en Vilanova de Arousa, en dirección a Cambados. Dous vehículos chocaron inicialmente, sen que se producisen feridos, pero por mor deste accidente, produciuse outra colisión entre o autobús e o coche no que viaxaba a menor coa súa nai.

Segundo a información facilitada pola Central de Coordinación do 061 Urxencias Sanitarias de Galicia, ao lugar do accidente enviáronse 2 ambulancias asistenciais, 1 helicóptero do 061 e persoal sanitario do ISM da Illa de Arousa.

O 112, pola súa banda, tras ter constancia do accidente a través da chamada dun particular, comunicou a alerta ao 061, trasladándose tamén ao lugar os axentes de Tráfico e os Bombeiros de Vilagarcía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta