Ana Romaní, Premio Nacional de Xornalismo Cultural 2018

O xurado destaca o seu constante traballo de promoción da cultura e da radio con formatos propios", así como pola "súa visión de feminismo crítico e compromiso social".

Por E.P. | Compostela | 25/09/2018 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

Ana Romaní Blanco foi galardoada co Premio Nacional de Xornalismo Cultural, dotado con 20.000 euros, segundo informa o Ministerio de Cultura e Deporte. O xurado motivou a elección de Romaní "pola súa longa traxectoria no xornalismo, o seu constante traballo de promoción da cultura e da radio con formatos propios", así como pola "súa visión de feminismo crítico e compromiso social".

Ana Romaní. REAL ACADEMIA GALEGA - Archivo
Ana Romaní. REAL ACADEMIA GALEGA - Archivo | Fonte: Europa Press

O Ministerio recoñece con este premio o labor de profesionais do xornalismo que, ben coas súas obras, ou ben a través da súa participación activa en diversos ámbitos da creación artística ou literaria, fomentan as actividades culturais contribuíndo con iso ao enriquecemento do patrimonio cultural de España. Un recoñecemento que lle chega tras a polémica pola reestruturación da programacjión cultural na RG e que afectaba directamente ao seu programa.

Nada en Noia (A Coruña) en 1962, Romaní conta cunha longa traxectoria no ámbito xornalístico, ademais de ser poeta e escritora. É Académica de Número da Real Academia Galega.

Romaní iniciou os seus pasos no xornalismo en 1983, ao participar na creación da revista 'Carabela de Xiada'. A partir de 1988 encamiña a súa traxectoria profesional ao mundo da radio. Após o seu paso por Radio Nacional de España, co programa 'La Viborona', dirixiu o informativo 'Diario Cultural' da Radio Galega desde 1990 até xuño deste ano, aínda que continúa encargándose dun tramo horario do programa.

A través deste espazo, Romaní participou na posta en marcha da publicación do libro 'Narradio. 56 historias non ar' (2003); do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que se outorga desde 2006 co obxectivo de recuperar textos dramáticos para a radio; e do proxecto 'De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI'.

A galardoada recibiu numerosos premios, entre os que destacan o Premio ao Fomento da Lectura, que lle outorgou a Federación de Gremio de Editores de España en 2007; o Premio Atlántida, do Gremi de Editors de Cataluña, en 2008; o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega á 'mellor xornalista cultural' en 2012 e de poesía en 2011; e o Premio da III Gala do Libro Galego á traxectoria en xornalismo cultural en 2018.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta