Abel Caballero cualifica de "ruído político" a comisión de investigación sobre O Marisquiño

O alcalde vigués non aclara se comparecerá se o convocan. O PP critica a "estampida" do alcalde no pleno e Marea insiste na necesidade dunha comisión municipal.

Por E.P. | VIGO | 27/09/2018 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

Así se manifestou o rexedor olívico ante as preguntas dos medios sobre se estaría disposto a comparecer na devandita comisión. "Non o estou seguindo, non sei, creo que están a facer algo de ruído político por aí", afirmou Caballero, en relación con ese órgano parlamentario e, con respecto a se comparecería na comisión, limitouse a aseverar, varias veces, que "non é máis que ruído político".

Abel Caballero ve 'ruído político' na comisión do Marisquiño
Abel Caballero ve 'ruído político' na comisión do Marisquiño | Fonte: Europa Press

Por outra banda, en alusión ás críticas do PP por ausentarse do pleno o mércores, e non estar presente cando se debateu, entre outras, a moción na que se pedía a súa comparecencia para falar sobre o accidente do Marisquiño, Abel Caballero proclamou: "Dáme exactamente igual o que diga o PP".

O alcalde xustificou a súa ausencia durante a maior parte da sesión plenaria alegando que estaba "a traballar para a cidade", e mantendo conversacións co secretario de Estado de Medio Ambiente e co embaixador de España ante a UNESCO. Ademais, engadiu, aínda que non estivese no Pleno, estaba "asegurado" que sairían adiante iniciativas importantes, como a esixencia da obra de captación do río Verdugo.

"Os presidentes e os alcaldes temos moitísimas cousas que facer, xa estaba o portavoz do goberno e dun grupo que ten 17 concelleiros. Un pouquiño de sentido da democracia", reclamou, e incidiu en que Núñez Feijóo "tampouco está sempre no Parlamento". "O presidente vai cando considera, pois o alcalde de Vigo, idéntico", sentenciou, e engadiu que "o PP non estaba cando deron clase de democracia".

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Mentres, a portavoz do grupo municipal do PP, Elena Muñoz, afeou a Caballero que fuxise "en estampida" aos 15 minutos de iniciarse o pleno, e que "non tivo valor para estar presente" cando o seu grupo de goberno "dicía que non á súa comparecencia para dar explicacións polo accidente do Marisquiño".

"Saíu correndo porque non quere dar a cara, está despegado da realidade e vive nun mundo paralelo, négase a admitir ningún problema na cidade", recalcou, e esixiulle ao alcalde que "respecte" ás institucións e "ás persoas", porque "ninguén" está por encima diso, "por moita maioría absoluta que teña".

Así mesmo, con respecto á comisión do Parlamento galego, expresou a súa esperanza de que "as preguntas teñan resposta" e "que se depuren as responsabilidades políticas". "Iso é polo que está completamente aterrado, en pánico, o alcalde de Vigo, e lévalle a actuar de forma errática e incomprensible", aseverou.

COMISIÓN MUNICIPAL

Pola súa banda, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, advertiu de que o Parlamento de Galicia "non é o sitio" para que o alcalde dea explicacións sobre o accidente, senón que Caballero debería comparecer nunha comisión de investigación municipal (que o goberno local vetou coa súa maioría absoluta).

Non entanto, precisou, a Cámara galega si pode ser o escenario adecuado para que se diriman as responsabilidades do Porto de Vigo no sinistro, e insistiu en que as comisións de investigación "non son para criminalizar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta