A débeda pública en Galicia sobe até os 11.549 millóns de euros

Desta forma, ao finalizar o segundo trimestre do ano, o cociente de débeda/PIB de Galicia situouse no 18,6%.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2018 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

A cifra supón, con todo, unha baixada de 201 millóns de euros con respecto á alcanzada no primeiro trimestre, a marca histórica de débeda pública galega, que chegou aos 11.750 millóns de euros. A Xunta de Galicia, a través dun comunicado, puxo en valor este descenso, que sitúa a porcentaxe de débeda por Produto Interior Bruto no 18,6%, cinco décimas por baixo da rexistrada no primeiro trimestre, con 19,1%. Tamén é inferior á do mesmo período do ano anterior, cando alcanzaba o 19,0%. No entanto, a cifra galega é superior á rexistrada a finais do 2017, cando baixaba ao 18,4%.

Diñeiro, billetes
Diñeiro, billetes | Fonte: Europa Press

En todo caso, a Xunta pon en valor o diferencial positivo de Galicia respecto da media autonómica (24,7%) que aumenta até os 6,1 puntos e resalta que en 2008 as cifras estatais e autonómica eran iguais. Con todo, a porcentaxe fai dez anos era do 6,7% en ambos os casos e a débeda galega de 3.954 millóns.

No seu comunicado, o goberno galego anuncia que prevé que o endebedamento continúe baixando até o peche do exercicio, o que permitirá cumprir "un ano máis o límite de débeda fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira, como fai Galicia ano a ano durante a última década".

Galicia representa o 3,9% da débeda total das comunidades autónomas, con 11.549 millóns de euros dos 293.246 totais. A Xunta pon o acento en que o goberno autonómico evitou que a comunidade emitise uns 3.800 millóns de euros, sendo Galicia a que menos aumentou o seu volume de débeda desde 2008. Deste xeito, a Xunta apunta que Galicia se sitúa como a quinta comunidade con menor cociente de débeda/PIB, a terceira de réxime común, só por detrás de Madrid e Canarias, froito "do control de estabilidade orzamentaria" realizado polo goberno autonómico.

DESACELERACIÓN NO CRECEMENTO ECONÓMICO, SEGUNDO ABANCA

Por outra banda, o Indicador Abanca-Foro de conxuntura económica reflicte unha leve desaceleración no crecemento económico de Galicia nos últimos meses. Así, o crecemento do 3,5% en xullo supón tres décimas menos que o de maio, cando finalizara cun 3,8%. En termos trimestrais, de maio a xullo, tamén se percibe unha lixeira desaceleración, ao baixar ao 0,8% (1,0% no mes anterior).

Desta forma, cos datos da actividade económica dispoñibles no primeiro mes do terceiro trimestre do ano, neste indicador confírmase a desaceleración xa anticipada pola Contabilidade rexional do Instituto Galego de Estatística o mes pasado. Este arrefriado do crecemento está en consonancia, indica o informe, co apuntado polas diferentes institucións e organismos para a economía española no segundo semestre. Ademais, "todo apunta a que Galicia se sitúa lixeiramente por encima das taxas de crecemento".

En termos interanuais, e igual que o mes anterior, a variable que experimenta un maior crecemento, de forma moi "destacada", é a matriculación de turismos. No lado oposto, a variable que tivo un peor comportamento en termos interanuais son os viaxeiros en hoteis, que decreceu con respecto a xullo de 2017. O Indicador está elaborado polo equipo de conxuntura económica do Foro Económico de Galicia. Para a súa confección se parte da análise e cuantificación de 15 variables económicas que inclúen cifras de emprego, facturación empresarial, comercio internacional, actividade industrial e do sector servizos. O Foro está integrada por profesores do tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta