Galaxia publica a primeira novela de Anxo Rei Ballesteros, obra inédita redactada entre 1969 e 1970

Escribiuna con tan só 17 anos e dela consérvase un manuscrito.

Por Galicia Confidencial | | 01/10/2018 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

Dezanove badaladas foi a primeira novela escrita en galego de Anxo Rei Ballesteros e chegará por primeira vez ás librarías a partir do 17 de outubro da man da Editorial GalaxiaRedactada entre 1969 e 1970, cando o autor tiña dezasete anos, a obra permanecera inédita ata o de agora.

Dezanove badaladas foi a primeira novela escrita en galego de Anxo Rei Ballesteros
Dezanove badaladas foi a primeira novela escrita en galego de Anxo Rei Ballesteros | Fonte: Galaxia.

Nunha Compostela case fantasmal, dominada polas torres das igrexas e os lampexos engaiolantes dos bares, Dezanove badaladas conta o deambular nocturno de Nolo, que, logo de marchar da aldea á cidade, sae da casa na compaña de tres amigos para se divertir con fartura gastando a súa primeira paga mensual de obreiro.

Coma unha estadea urbana que se ensume no corpo verdegante da noite en procura dunha salvación inalcanzable, Rei Ballesteros traza o percorrido dos personaxes arredor dun desacougo íntimo que o inza todo. A sensación estraña de sentirse foráneo —fóra de lugar— na propia vida. Viaxe ao cabo da noite, paseo polo pracer e a morte, novela de aprendizaxe e metáfora da existencia, velaquí o preludio esencial á obra dun autor maior.

De acordo cos herdeiros do autor, Editorial Galaxia publica Dezanove badaladas como unha homenaxe a Anxo Rei Ballesteros e á súa dedicación á literatura.

Consérvase un manuscrito da novela, a partir do cal se estableceu o texto publicado, no que tamén se reproduce a variante unha pasaxe da novela e varias observacións do autor sobre cuestións pendentes de revisar.

Anxo Rei Ballesteros (Codeso, Boqueixón, 1952 - A Coruña, 2008) iniciou a súa obra narrativa coa novela Dos anxos e dos mortos (1977), un fito na renovación da narrativa galega, á que seguiron Loaira (1992), que o crítico Xoán González-Millán definiu como“un dos proxectos novelísticos máis complexos e ambiciosos da historia da narrativa galega”, e no 2005 publicou a novela Non sei cando nos veremos. Xunto coa obra de teatro Xogos de damas (1988) e o ensaio A outra memoria (1989) tamén é autor do libro de relatos A sombra dos teus soños (1998). No ano 2002, obtivo o Premio Ramón Piñeiro de ensaio con Tempo e vinganza. Postumamente, publicaríanse a novela A noite do moucho (2009) e o ensaio Presenza dunha ausencia (2013).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta