Santiago bate récord histórico de ausencia de precipitacións en setembro

A temperatura media foi de 26,8 graos, e a máxima rexistrouse o día 1 de setembro con 34,3 graos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/10/2018 | Actualizada ás 22:25

Comparte esta noticia

O pasado mes de setembro tan só se recolleron na cidade de Santiago un total de 1,3 litros/m2. Unha cifra que é histórica e que marca un novo récord en canto a precipitacións negativas nun mes de setembro na capital galega desde 1948, cando hai rexistros metereolóxicos.

Chuvia en Santiago
Chuvia en Santiago

As precipitacións do pasado mes rexistráronse na noite do día 2 ao 3 (0,4 litros) e do 17 ao 18 (0,9). Igualmente, o día 21 houbo unha precipitación inapreciable (menos de 0,1 litros/m2) durante a mañá. A este respecto, o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, destaca que “nunca antes tivera lugar unha situación semellante, aínda que efectivamente houbo meses de setembro moi secos na área de Compostela”. Entre estes últimos, o investigador sinala 1989 (7,1 l), 1997 (10,1), 1985 (11,4) e 1988 (11,8). 

No lado oposto sitúase o mes de setembro de 1999 cando en 16 días se mediron 301,7 l/m2 ou 1998 con 220,3 l/m2 en vinte xornadas. En total, dado que en Santiago non se rexistraron nin frontes activos de choiva nin treboadas, “dende o pasado 8 de agosto tan só se levan colectados 4,2 l/m2”.

Temperaturas

No capítulo das temperaturas, Docobo sinala que se ben foron altas, cunha máxima de 34,3° o día 1, xunto cunha media das máximas do mes de 26,8°, “non se chegaron a superar as marcas dos anos 2006 e 1988”. O 5 de setembro de 2006 o termómetro chegou a marcar en Santiago 38,4° e o 6 de setembro de 1988, 37,5°. En ambos os dous casos, estas temperaturas foron nos seus respectivos anos máximas anuais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta