Lugo xa está preparada para o San Froilán

A cidade contará con buses gratuítos antiacoso machista durante seis xornadas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2018 | Actualizada ás 10:27

Comparte esta noticia

As festas patronais de San Froilán, en Lugo, celébranse desde este xoves até o 12 de outubro, nun ano con máis de 270 actos na cidade amurallada. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, prevé "un éxito total e absoluto". "O que queremos é que se encha a cidade de xente, de festa, de convivencia e relacións entre veciños e visitantes", subliñou en días pasados.

Cartel do San Froilán 2018. CONCELLO DE LUGO
Cartel do San Froilán 2018. CONCELLO DE LUGO | Fonte: Europa Press

Este xoves comezan as festas co pregón de Manuel Lombao, nun ano no que haberá concertos como os de Marky Ramone, Hombres G, Fanfare Ciocarlia e Heredeiros da Crus, entre outros.

"Son as festas que estamos a esperar todos os galegos e doutras comunidades. O programa convida a vir e a participar neses máis de 270 actos que imos ter durante nove días de festas e de animación na rúa", apunta a rexedora.

SEGURIDADE

En canto á seguridade, a alcaldesa garantiu que será como "todos os anos", pois "hai unha máxima que é garantir a seguridade de todos os lucenses e todos os visitantes, nuns días en que a cidade vai estar máis concorrida".

"A seguridade ten que primar por enriba de todo, cando a situación de alerta se segue mantendo en todo o ámbito estatal e non somos alleos a esa circunstancia", incidiu.

Pola súa banda, o comisario da Policía Nacional, Antonio Villamarín, informou de que se montará "un dispositivo como anos anteriores", con reforzo da Policía Autonómica e colaboración da Policía Local.

Villamarín destacou que os dispositivos tamén estarán en función do "nivel catro antiterrorista", polo que "loxicamente hai que tomar as medidas adecuadas, cunha serie de puntos que poden ser máis vulnerables".

BUSES ANTIACOSO

Durante as festas funcionarán de forma gratuíta buses nocturnos antiacoso machista, que poderán ser utilizados por aquelas persoas que sentan "acosadas, violentadas ou crean que existe algún perigo para a súa persona".

Desde este xoves e os días 5, 6, 7, 11 e 12 de outubro, un total de oito liñas percorrerán a cidade desde as 22,30 até as dúas da madrugada para trasladar a quen o necesite, pero o bus non poderá desviar a súa ruta, aínda que si parar no punto no que llo indique o usuario.

Ademais, instalaranse, un ano máis, puntos violetas que estarán atendidos por persoal especializado e onde poderá ser denunciado calquera tipo de agresión.

En concreto, haberá un 'punto violeta' na rúa Anxo López Pérez coa esquina Praza Horta do Seminario. Este punto súmase aos espazos seguros na contorna do feiral, na Oficina Municipal de Turismo e do Concello.

Os catro aparcadoiros disuasorios do San Froilán, contemplados no Plan de Tráfico e Mobilidade deseñado polo Concello con motivo das patronais, teñen capacidade para máis de 5.000 vehículos. Estarán comunicados co centro da cidade por bus urbano a través de dúas liñas especiais nos días e horas de maior afluencia de público.

Finalmente, reforzarase o número de taxis dispoñibles, concretamente nas paradas das prazas de Santo Domingo e da Constitución. Ademais, permitirase o acceso destes vehículos á zona acoutada do recinto feiral e á súa área de influencia, sempre que as condicións do tránsito peonil o permitan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta