Detido un furtivo que mariscaba en táboa de surf

Incautáronselle preto de seis quilos de ameixas e berberechos e máis da metade non tiñan a talla mínima permitida.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 04/10/2018 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

A Garda Civil interceptou onte na praia de Chancelas un mariscador furtivo que se atopaba faenando a bordo dunha táboa de surf. Os feitos sucederon cando un vixiante da Confraría de Pescadores San Gregorio de Raxó (Poio) informou do avistamento dun suposto furtivo cando se dirixía cara á praia da Ouriceira, na parroquia de Combarro.

Axentes da Garda Civil, coa táboa de surf e o marisco incautado
Axentes da Garda Civil, coa táboa de surf e o marisco incautado | Fonte: Garda Civil.

A resposta da patrulla de seguridade cidadá do Posto de Pontevedra foi inmediata e en colaboración cos vixiantes da Confraría de San Telmo (Pontevedra) puideron interceptar e identificar ao furtivo na praia de Chancelas. Ao chegar á praia intervéuselle a táboa de surf, que levaba axustada unha cadeira, ademais dunha bolsa de malla que contiña 5,7 quilos de ameixas e berberechos, deles, máis da metade non alcanzaba a talla mínima esixida para a súa captura.

Trátase dun veciño de Poio, de 51 anos, que foi denunciado por tres infraccións á vixente Lei de Pesca de Galicia: unha polo exercicio da actividade extractiva carecendo de licenza, outra por non respectar as tallas mínimas permitidas e a terceira por pescar fóra dos horarios establecidos. Comisóuselle a táboa de surf, que foi depositada nas instalacións da Confraría de San Telmo e o marisco foi devolto á auga por atopase vivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta