Os apicultores galegos defenden as trampas como "única ferramenta para frear a avespa velutina"

A Asociación Galega de Apicultura responde as acusacións contra este colectivo e culpa a Administración pública e a súa "ineficaz xestión" da auxe de métodos caseiros e improvisados que se usan contra a avespa asiática e que poden ser nocivos para o medio ambiente.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/10/2018 | Actualizada ás 11:13

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Apicultura saíu ao paso de informacións publicadas recentemente nalgúns medios de comunicación en contra das trampas como sistema de control da Vespa velutina ou tártago de patas amarelas. "Os apicultores que utilizamos esta ferramenta non somos o problema e para protexermos as nosas colmeas defendemos esta práctica, que, aínda que precisa mellorar a súa eficacia e selectividade, é a máis eficaz na actualidade para frear o avance da praga", defenden.

Vespa velutina
Vespa velutina | Fonte: Xesús Feás - LX

A AGA promove o trampeo como método de control da poboación da avespa velutina dende a chegada deste insecto invasor a Galicia, apoiándose na experiencia dos apicultores franceses, que sinalaban os efectos positivos desta técnica, polo menos mentres a investigación non desenvolva outros sistemas ou produtos máis efectivos.

"Os apicultores somos conscientes de que non é a fórmula perfecta que acabará coa praga, se é que isto é posible, pero a curto prazo é a única ferramenta que temos dispoñible nas nosas mans, e, mentres non haxa outra mellor, seguirémola utilizando", manteñen.

"O que non podemos aceptar é quedarnos sen facermos nada vendo como os tártagos papan as abellas e acaban cos nosos enxames", engaden.

Os apicultores apostan pola investigación práctica para mellorar a eficacia e selectividade das trampas, xa que saben que causa danos colaterais. De feito, un estudo recente realizado por científicas da Universidade de Vigo demostrou que as trampas de cebo que se están a colocar "capturan inevitablemente outras especies de insectos, incluídos os dípteros e os himenópteros, que desempeñan papeis fundamentais como polinizadores". Malia isto, os apicultores consideran que "o trampeo nunca poderá ser máis prexudicial que o dano que produce a velutina no medio ambiente, acabando non só coas abellas, senón tamén con outras poboacións de insectos, decimando a propia fauna insectívora e a fruticultura, o que provoca, polo tanto, un dano irreversible no medio ambiente", expoñen.

RESPONSABILIDADES

Os apicultores tamén defenden que non son responsables dun problema ambiental. "O inimigo non somos nós", afirma o colectivo, que sinala a Administración pública como a parte á que hai que pedir responsabilidades, xa que "ten que garantir e demostrar con feitos que está a poñer todos os recursos necesarios para solucionar este gravísimo problema, non só dos apicultores, senón de toda a sociedade, así como tamén de saúde pública", argúen.

"O feito de que cada vez haxa máis fórmulas caseiras e improvisadas, utilizando os recursos que cada persoa ten ó seu alcance, é a consecuencia dunha ineficaz xestión da situación por parte dos organismos competentes", alertan desde a AGA.

Nesta liña, din estar en contra de que se dispersen no medio ambiente "todo tipo de substancias das que non se coñecen as consecuencias, así como os "litros e litros de insecticida que se deixan nos niños tartagueiros, tan nocivos ou máis que o trampeo; pero disto ninguén fala", láianse.

Por todo isto, non admiten que critique o sector apícola de prexudicar o medio ambiente, xa que o seu único obxectivo é defender as abellas, indispensables para garantir a biodiversidade e a polinización das flores.

"Os diferentes sectores afectados —ecoloxistas, investigadores e a sociedade no seu conxunto— temos que unirnos e ir da man, pois xuntos temos que esixir á administración que se ocupe realmente desta problemática, que coordine e financie a investigación necesaria, que compense os sectores afectados e que nos teña en conta para avanzar na procura de solucións efectivas", expoñen.

Os apicultores sitúanse como "observadores privilexiados" da avespa asiática, tendo "moita información e observacións que se poden aproveitar e verificar, se a Administración e a ciencia queren contar connosco e sen enredos", din.

A AGA cre que unha das liñas de investigación necesarias é coñecer o efecto real do tártago de patas amarelas no medio ambiente, para confirmar con datos ata que punto esta praga terá graves consecuencias para o medio ambiente e, polo tanto, advirten de que se necesitan todos os recursos dispoñibles para combatela, así como tamén saber se os danos colaterais que provocan as trampas se pode comparar cos efectos desta praga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta