Lumes preto do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e dunha carballeira centenaria

Os alcaldes de Nogueira e de Muíños, convencidos da intencionalidade dos incendios nos seus municipios

Por E.P. | OURENSE | 05/10/2018 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

Os alcaldes de Nogueira de Ramuín e de Muíños, os municipios ourensáns nos que este venres permanecen activos dous incendios forestais declarados a pasada noite, están convencidos de que estes lumes foron intencionados.

Mosteiro de Santo Estebo de Ribas de Sil
Mosteiro de Santo Estebo de Ribas de Sil | Fonte: turismo.gal

En canto ao incendio rexistrado na parroquia de Santo Estevo de Ribas de Sil, José César Parente, explicou a Europa Press que ten "claro" que a orixe das chamas foi intencionada, porque "lle prenderon en tres focos" pasadas as 21,00 horas do xoves e fixeron "como un círculo".

"Non vimos quen o fixo, pero para min e para a xente que estabamos alí, está claro que foi intencionado porque os tres focos estaban a 300-400 metros en liña recta" e acabaron xuntándose nun só lume, afirmou o rexedor, quen indicou que este é o primeiro lume forestal de magnitude deste ano no seu municipio.

En calquera caso, sinalou que a ausencia de aire está a permitir avanzar nos labores de extinción e que a evolución das chamas xa está "medio controlada". Ademais, precisou que o mosteiro que leva o nome da parroquia de Santo Estevo de Ribas de Sil non corre perigo, xa que está a uns 500 metros en liña recta.

Así mesmo, tampouco cre que perigen casas, despois de que os equipos de extinción lograsen deter o avance das chamas cara ao pobo de Loureiro. Segundo comentou, aínda que cuantos máis medios asistan no lume, "mellor", está "satisfeito" co operativo mobilizado.

DESTRUCIÓN DO PATRIMONIO NATURAL

Pola súa banda, o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez Dobaño, lembrou que a zona do parque natural do Xurés situada neste municipio xa sufriu incendios en 2016 e en 2017. "Parece que alguén ten ganas de finalizar o traballo", ironizou, lamentándose de que "desalmados hainos en todas partes", en referencia a que as chamas o ano pasado viñan de Portugal, pero agora arrincaron no seu municipio.

"Non se pode acusar sen probas claras, pero sospeitas témolas todos. Sempre hai caprichos, intencións malas... Alguén se está encargando de cargarse a comarca", afirmou este alcalde, visiblemente enfadado. "Practicamente queimáronnos todo", agregou.

Neste caso, as chamas afectan a unha carballeira "impresionante" na que hai unha ruta de sendeirismo, e polo momento diríxense cara á aldea de Salgueiro, que é un pobo abandonado nos anos 60 e que con Manuel Fraga á fronte da Xunta fora recuperado. A intención do consistorio é dotar de actividade a este pobo, que antigamente se dedicaba á elaboración de carbón vexetal, mediante unha aldea ambiental. "Pero non nos deixan", apuntou o rexedor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Un incendio: a) as nove da noite; b) con tres focos; non pode ser outra cousa que intencionado. E feito por galegos, se é que os becerros, as bestas embrutecidas e analfabetas que queiman as carballeiras merecerán charse galegos. Ainda quedan residuos da brutalidade a edade media entre nos.