En Marea e BNG non asisten á inauguración de 'Castelao maxistral' en sinal de protesta contra a actitude de Feijóo

A decisión vén precedida da polémica no acto de desembalaxe da obra 'A derradeira leición do mestre', no que o presidente "manipulou e ocultou" a "mensaxe real" do cadro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2018 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

En Marea e BNG non enviaron este venres representantes dos seus respectivos grupos parlamentarios ao acto de inauguración na Cidade da Cultura da exposición 'Castelao maxistral' en protesta contra a actitude do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

Acto de desembalaje de 'A derradeira leición do mestre'. XUNTA
Acto de desembalaje de 'A derradeira leición do mestre'. XUNTA

A decisión vén precedida dunha polémica no acto de desembalaxe da obra 'A derradeira leición do mestre', no que o presidente recibiu duras críticas de En Marea e BNG, que entenden que, no seu discurso desa xornada, "manipulou e ocultou" a "mensaxe real" do cadro de Castelao.

Aínda que Feijóo si fixo este venres alusión explícita aos crimes do franquismo e a Alexandre Bóveda, o BNG emitiu un comunicado no que se remite ao sucedido o día da desembalaxe para explicar por que ningún representante da súa formación acudiu este venres ao Museo do Gaiás, onde se expón a mostra.

O BNG acompaña a súa nota do escrito no que comunica a súa decisión de non acudir á inauguración e recalca o seu rexeitamento ás palabras que Feijóo pronunciou o 3 de outubro e que supoñen "unha nova tentativa de ocultación e censura" da obra de Castelao, "unha terxiversación da historia e unha ofensa a todas as vítimas do franquismo en Galicia".

Os nacionalistas reclaman "unha visión integral da obra de Castelao fronte ás versións mutiladas e censuradas que se impuxeron na ditadura franquista e que seguen vixentes en webs institucionais e nos discursos oficiais".

Pola súa parte, fontes de En Marea ratificaron que non enviaron a representantes oficiais do grupo por razóns similares, xa que consideran que o sucedido o pasado mércores foi "un paripé inaceptable".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta