GC Aberto

Antropoclastas

A etimoloxía do termo provén do grego: o prefixo «ánthropos», significa home, ser humano; e o sufixo «klân» quer dicir romper, destruír. ¿Que é, entón, un antropoclasta? ¿É un asasino? ¿É un xenocida? Non é nin unha cousa nin a outra senón algo diferente, aínda que relacionado coas dúas.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 10/10/2018

Comparte esta noticia

«Antropoclasta» é unha palabra que tiven que inventarme no ano 1999 porque non achei ningunha que expresase o que necesitaba comunicar en relación a un tráxico conflito bélico de fin de século, a Guerra de Kosovo, que enfrontou a serbios e albaneses da, naquel entón, provincia serbia de Kosovo e dende 2008 estado independente co nome de República de Kosovo.

Bandeiras de Israel e de Palestina nun enfrontamento na franxa de Gaza
Bandeiras de Israel e de Palestina nun enfrontamento na franxa de Gaza | Fonte: elconfidencialandalucia.com

Estaba a ver nun informativo de televisión o éxodo de albanokosovares, fuxindo dun probábel exterminio, cando un incontrolábel impulso induciume a escribir de forma case involuntaria e automática, mentres continuaba mirando as imaxes, un poema que titulei Pensando en Kosovo. En calquera Kosovo. 

Comeza así: «Furtivamente, pola noite / Á luz do día baixo a protección do pánico, / afogan a razón baixo ríos vermellos de sangue necesariamente / inocente.»

Sendo o seu final: «Paleolíticos antropoclastas! / Non sabedes que unha soa vida humana / —dixen humana— / é máis valiosa que calquera cultura milenaria?»

Tres anos despois, no 2002, a Segunda Intifada inspiroume o poema Pazlestina, no que poño de manifesto feitos e sentimentos similares: «Un día tras outro / o vexo. / ¡Xa demasiados anos hai / que o levo vendo! / Dende Sabra e Chatila.» […] «Un tras outro / van / caíndo / os mellores, / selectivamente, / asasinados.»

A etimoloxía do termo provén do grego: o prefixo ánthropos, significa home, ser humano; e o sufixo klân quer dicir romper, destruír. ¿Que é, entón, un antropoclasta? ¿É un asasino? ¿É un xenocida? Non é nin unha cousa nin a outra senón algo diferente, aínda que relacionado coas dúas.

En xeral, un asasino actúa motivado polas circunstancias propias e as da súa vítima, máis que polo que esta é en si mesma. Son frecuentes os homicidios para cobrar a indemnización dunha compañía de seguros, ser o beneficiario dunha herdanza, liberarse dunha relación insoportábel, ser traizoado; tamén por recibir un golpe no coche, por pisar a un bailarín nunha discoteca, etcétera. En todos estes casos, e en moitos outros, non se mata ao semellante polo que é e representa a súa persoa para o seu executor, senón pola situación en que se atopan ambos, vítima e verdugo.

Incluso os magnicidios seguen esta lóxica conxuntural. Por exemplo, en España os presidentes do goberno Cánovas del Castillo, José Canalejas e até Carrero Blanco, na actualidade non serían asasinados, precisamente porque as circunstancias históricas nada teñen que ver coas do momento da súa morte. Fóra de España podemos considerar o caso do tsar Nicolás II, executado, xunto a toda a súa familia, durante a revolución rusa, cuxa vida naquel país hoxe non correría perigo.

Pola súa banda, o xenocida comete os seus crimes para exterminar de forma sistemática a un grupo por mor da súa raza, relixión, identidade nacional ou cultura. Neste caso, do mesmo xeito que nos asasinatos comúns, o que son as persoas en si non ten apenas relevancia; o que determina a súa condena é a súa pertenza a un determinado grupo social. Foi o que aconteceu no holocausto xudeu.

Pero os antropoclastas non actúan deste xeito. O seu obxectivo non é, como pretenden os xenocidas sensu stricto, facer desaparecer a toda unha comunidade humana, senón a individuos concretos que aínda que pertenzan á devandita comunidade non se lles elimina por esta razón; mátaselles polo que son eles mesmos e polo que representan para o seu pobo. Por iso o antropoclasta non é un xenocida, nin tampouco un homicida ordinario. Os seus asasinatos son crimes «antropoclásticos», e o nome que define os seus actos é «antropoclastia».

Certo que non é sinxelo diferenciar o móbil último de crimes con estas particularidades; con todo, é evidente que as diferenzas existen, de aí a necesidade dunha expresión que as poña en evidencia.

A Real Academia Galega terá que tomar nota e incorporar a palabra «antropoclasta» e termos afíns ao seu dicionario.

© Xabier Vila-Coia, 2018

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta