Sobre 60 veciños do lugar desaloxado polo incendio de Mondariz concéntranse na zona da igrexa

A tenente de alcalde quéixase da "tardanza" en chegar os medios aéreos e lamenta que "o vento" propagou con rapidez as chamas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2018 | Actualizada ás 23:30

Comparte esta noticia

Ao redor de 60 veciños do lugar de Barro, no municipio pontevedrés de Mondariz, concéntranse na zona da igrexa tras ser evacuados das súas casas debido á proximidade das chamas do incendio forestal que esta tarde se declarou na parroquia veciña de Sabaxáns e que obrigou a decretar a 'situación 2', que supón que o lume pode afectar gravemente á poboación e aos bens de natureza non forestal.

Un membro do Brif no lume de Mondariz
Un membro do Brif no lume de Mondariz | Fonte: BRIF

A tenente de alcalde de Mondariz, Mónica Peralba, que se desprazou até o lugar, explicou a Europa Press que as chamas chegaron a estar "a 30 ou 50 metros das casas". "Estaban á beira", salientou.

Ademais, indicou que Barro é un lugar de rúas estreitas, o que dificulta a evacuación da poboación, na súa gran maioría "xente maior, que vive soa". En calquera caso, dixo que todos os veciños están controlados e que non lles consta que ninguén dese a voz de alarma porque faltase alguén.

Ás 22,30 horas, os veciños desaloxados concentrábanse na zona da igrexa á espera de noticias sobre a evolución do lume e de que se lles permita regresar aos seus domicilios. Outra zona na que o Concello de Mondariz puxo a súa atención é a coñecida como Barral, aínda que a tenente de alcalde comentou que a situación alí está "controlada".

"TARDANZA" DOS MEDIOS AÉREOS

A número dous do Consistorio de Mondariz criticou "a tardanza" en chegar dos medios aéreos. Segundo o seu relato, en canto viron como evolucionaban as chamas e o vento que sopraba, deu a voz de alarma e reclamou máis medios aéreos, porque "o lume corría en horizontal cara a un lado da ladeira".

"O aire fixo todo o traballo", lamentou Mónica Peralba, quen dixo que non contaron "con ningún hidroavión" e "notouse que os helicópteros tardaron" e logo tiveron que retirarse "sobre as 20,15", coa caída da noite. "Tiña que controlarse desde o inicio. Demos a voz de alarma ao distrito porque pintaba moi mal", expuxo e tamén se queixou de falta de motobombas, e de que unha que chegou tiña "unha mangueira estragada".

Segundo os datos facilitados pola Consellería do Medio Rural, nos labores de control do lume participan un técnico, dous axentes, 14 brigadas, seis motobombas, tres pas e un tractor e até a caída da noite tamén traballaron dez helicópteros.

POUCOS MEDIOS AÉREOS

Para a tenente de alcalde de Mondariz, contan con "mogollón" de medios por terra, pero "houbo poucos medios aéreos e chegaron tarde", polo que o lume "disparouse" propagado polo vento. Ademais, subliña que ardía nunha zona de eucaliptos que provocaba unha intensa fumareda negra, "o que impedía a visibilidade".

Pola súa banda, até o lugar tamén se desprazou o conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, para seguir en persoa os labores de loita contra as chamas no incendio decretado esta tarde na parroquia de Sabaxáns. O incendio comezou ás 18,17 horas e segundo as novas estimacións afecta a máis de 50 hectáreas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta