Duras críticas da oposición a Feijóo pola posibilidade que se repita a vaga de lumes do 2017

O PSdeG urxe crear este mes unha comisión técnica que revise os protocolos de extinción de incendios. O PPdeG destaca a "reacción inmediata" dos servizos de extinción e En Marea e BNG lamentan que non se aprendese da vaga de lumes de 2017

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2018 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición criticaron duramente á Xunta por "non ter aprendido" do acontecido hai un ano durante a vaga de incendios e repetir algúns dos "erros" de entón. Así, o portavoz de En Marea, Luís Villares, considerou que o incendio de Mondariz deixa ver que "o Goberno da Xunta non aprendeu nada" da vaga de incendios rexistrada en outubro de 2017, na que arderon case 50.000 hectáreas e faleceron catro persoas.

Reunión da Xunta de Portavoces no Parlamento galego. Europa Press
Reunión da Xunta de Portavoces no Parlamento galego. Europa Press

"Todos onte temémonos que o que pasaba en Mondariz fose o que pasou o 15 de outubro de 2017 coa vaga de incendios, temémonos un escenario no que a incapacidade de xestionar a emerxencia ía provocar unha catástrofe", sinalou.

Así, lembrou que, a pesar da posta en marcha dunha comisión sobre os incendios forestais no Parlamento de Galicia, "pasou un ano" e as conclusións "non valeron absolutamente para nada".

Villares, ademais, aproveitou para agradecer o labor dos servizos de emerxencia e acusou á Consellería de Medio Rural de "mostrar a mesma incompetencia" para a xestión dos incendios forestais pero "cun novo actor", o conselleiro José González, que foi premiado "única e exclusivamente por estar na comisión que foi unha farsa".

"MESMAS POLÍTICAS PIRÓMANAS"

Noutra rolda de prensa ofrecida este luns, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, tamén considerou que non se poden seguir aplicando "as mesmas políticas pirómanas" que non solucionan en problema dos incendios forestais.

"Insistimos en que necesitamos un gran acordo de país para botar man dun dos grandes problemas que leva arrastrando Galicia en materia de xestión forestal", manifestou Olalla Rodil, que considerou que non só hai que "reformular os servizos de extinción", senón que se debe "acometer verdadeiros traballos de prevención".

Todo iso nun contexto no que, segundo indicou, "se desestacionalizan máis os lumes" e "outubro xa parece o mes máis quente tamén en materia incendiaria". "É necesario deixar atrás esa política de xestión forestal do PP ao servizo de Ence e de Finsa e pornos a traballar nun monte multifuncional que aproveite todos o recurso que ten", indicou.

NOVOS PROTOCOLOS

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou crear este mes unha comisión técnica que revise todos os protocolos do servizo de extinción e prevención de incendios, co fin de que, en seis meses, estea listo un informe que poida ser remitido á Cámara e discutido cos grupos.

Despois do gran incendio rexistrado en Mondariz (Pontevedra) na pasada xornada, Leiceaga incidiu en que, dentro destes protocolos, é preciso abordar a extensión temporal dos contratos aos traballadores, así como o propio formato distinto dalgúns incendios que os fai "incontrolables" e que obriga a reordenar o territorio.

Tamén incidiu na necesidade de abordar a participación das brigadas municipais, que se traduce en "gastar moitos recursos" pero que non garante o éxito, e apostou por camiñar cara a "un modelo máis profesional e con medios adecuados".

Así mesmo, lembrou que recentemente na Cámara saíu adiante un ditame con numerosas medidas --na comisión de política forestal activada após a gran vaga de incendios de outubro do pasado ano-- que foi apoiada por populares e socialistas, e supón "unha alternativa completa á política desenvolvida" até o momento, aínda que aínda deben ser implementadas.

"REACCIÓN INMEDIATA"

Enfronte, o portavoz dos populares na Cámara galega, Pedro Puy, remarcou a "reacción inmediata" dos equipos de extinción fronte ao lume activado na pasada xornada que permitiu controlar a situación a pesar das "circunstancias" marcadas por "moito vento e seca".

Dito isto, deu por feito que as medidas aprobadas na Cámara nun ditame no que foi protagonista, precisamente, o conselleiro de Medio Rural, José González, poranse en marcha e apelou a remar "entre todos" para combater unha secuela que non só afecta a Galicia. A iso "axuda pouco" --advertiu-- "andar politizando estas cuestións a curto prazo".

"Temos unha folla de ruta, que é o ditame da comisión. Aí recóllese o que entendemos que son achegas valiosos dos expertos e de quen coñece o problema. Agora toca desenvolver o que se fixa no plan e a vontade do Goberno é patente cando a quen se lle atribuíron as competencias é a un dos autores do informe", remarcou Puy.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta