Da "Galicia, Galicia, Galicia" de Feijóo aos mortos polos lumes ou nos hospitais galegos

O presidente da Xunta destaca que o seu goberno é un dos máis estables dos últimos anos e olla xa para a Galicia do 2021 "que será como a Expo de Sevilla ou as Olimpiadas de Barcelona". A oposición dílle que baixe á realidade e que non esquenca que na súa Galicia segue habendo precariedade, pobreza e ata mortos polas súas políticas.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 09/10/2018 | Actualizada ás 22:18

Comparte esta noticia

Máis turistas, máis emprego, máis hospitais, máis idiomas ou máis infraestruturas. Feijóo está convencido de que a súa Galicia é a Galicia do futuro e xa se fixa obxectivos; chegar ao 2021. O presidente galego está convencido de que ese ano Xacobeo será o ano da súa autonomía, como o 92 foi o ano de Sevilla ou de Barcelona. Pero esa Galicia idílica de Feijóo nada ten que ver coa "Galicia real" que describe a oposición e na que hai graves eivas en educación, sanidade, servizos socias ou emprego.

Feijóo, no Debate sobre o Estado da Autonomía. XUNTA
Feijóo, no Debate sobre o Estado da Autonomía. XUNTA

O debate de política xeral deste ano foi dos máis sosos e insulsos dos últimos tempos. Só o enfrontamento subido de tono entre o presidente da Xunta e Luís Villares, portavoz de En Marea, caldeou o ambiente. A insistencia de Feijóo en vender o Xacobeo 2021 como a receita perfecta para superar todos os problemas non convenceu a unha oposición que lle botou en cara a pésima situación da sanidade, a súa permisividade coa violencia machista ou o control e a manipulación informativa na TVG.

Como noutros debates, Feijóo falou do seu proxecto. Desa "Galicia, Galicia, Galicia" que leva construíndo desde que chegou á Xunta en 2009. Unha Galicia"con máis turistas, con máis hospitais, con máis profesionais, cos mellores resultados educativos, con máis idiomas, con máis tecnoloxía e iberdade nas aulas, con máis infraestruturas e cun presente maior". 

Unha autonomía a de Feijóo que non ten nada que envexar, como salientou, a outros países avanzados de Europa e que mesmo chegou a comparar con Xapón ou Alemaña. Unha Galicia que nada ten que ver con "aquela case na ruína" que deixou o bipartito no 2009.

Por suposto, no seu balance non coincidiu a oposición porque onde Feijóo ve todo branco, para eles é todo negro. E neste negro está a sanidade galega, con falla de profesionais, mortos e precarización do traballo; a TVG, "chea de manipulación"; o emprego, "con mozos que seguen emigrando" ou a violencia machista, "con alcaldes que condenados que seguen de alcaldes".

Ana Pontón, portavoz do BNG no Parlamento
Ana Pontón, portavoz do BNG no Parlamento

AS CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

E niso coincidiron todos os líderes da oposición. Así, o portavoz de En Marea, Luís Villares, desmereceu a xestión de Feijóo e, en concreto, sacou a colación a emigración, a "implosión demográfica" e as persoas que "optaron desesperadamente por suicidarse" ante a situación económica. "Non, non nos merecemos un goberno que provoca éxodos, implosión demográfica ou suicidios. Nin vostede, nin ninguén ten dereito a amargarnos a vida", denunciou.

Villares, que centrou boa parte da súa intervención na situación da sanidade pública, lembrou o acordo do tres forzas políticas da oposición para forzar unha comisión de investigación sobre os "recortes" en sanidade. "Somos forzas diversas, pero puxémonos de acordo ao redor da defensa da vida e a saúde da xente", remarcou.

Tamén o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, atribuíu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, unha "Galicia que vai a menos" polo seu Goberno "paralizado" e caracterizado pola "inercia e a propaganda" co "único obxectivo de gañar eleccións". "Non ten proxecto, carece dunha visión de Galicia máis aló de querer seguir no poder catro anos máis", sinalou.

Na súa comparecencia, Leiceaga lembroulle episodios como os incendios de outubro de 2017 nos que faleceron catro persoas, a folga feminista do 8 de marzo e a morte dun home sen atención médica na PAC da Estrada, Leiceaga lamentou que a Xunta non atendese "nin á fractura social, nin á xeracional, non á de xénero ou á territorial" que o PSdeG denunciou "hai 12 meses".

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou a Feijóo de "'Terminator' de Galicia" en "emprego-insuficiente, sanidade-deteriorada, educación-recortada, pesca-reducida, agro-empobrecido, medio ambiente-contaminado, igualdade-exigua, lingua-precaria e goberno-paralizado".

É por iso que Ana Pontón recomendou a Feijóo darlle "un día libre ao seu chofer" para pasear pola rúa e coñecer os problemas da xente, após o que tamén quixo lanzar unha mensaxe en positivo ao proclamar: "Outra Galicia é posible, con poder económico e poder político". "Fágame caso, señor Feijóo! Pise máis a rúa e escoite á xente", instou a dirixente nacionalista, quen con iso arrincou os aplausos dos seus deputados.

TENSIÓN

O único momento de tensión que se viviu neste soso debate foi o protagonizado durante a intervención de Villares quen se referiu aos conselleiros como "comisionistas" e a dirixentes populares como "sicarios", ademais de dicir que o PP é o herdeiro "dos que asasinaron a Bóveda".

"Comportase vostede coma una dolescente frívolo inconsistente", espetoulle logo Feijóo. "Todo o que dixo o define e non merece unha resposta. Merece que lle encuadernen o diario de sesións polo indigno que foi hoxe aquí".

"Está cheo de odio, probablemente, porque ten moito odio ao redor. Nunca vin un deputado coma vostede. Insultar de forma continuada e cosntante é impropio dunha persoa que respecta a Democracia. E senón cambia isto vaino levar no seu currículum. E non sei o tempo que durará vostede", engadiu.

"É unha honra sentir o seu desprezo porque así é como se sinten os galegos e galegas todos os días coas súas políticas", contestoulle Villares que insistíu en que o seu goberno é o das "mentiras", o da "manipulación" e o dos "mortos" nos hospitais e nos lumes.

Luís Villares no Parlamento.
Luís Villares no Parlamento.
Feijóo no Debate sobre o Estado da Autonomía
Feijóo no Debate sobre o Estado da Autonomía | Fonte: XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta