Graves déficits de limpeza no Hospital de Conxo da empresa vinculada á ONCE que a xestiona

CIG, UGT e o Comité de empresa do complexo hospitalario piden solución durante as peonadas e que se arranxen as situacións de risco laboral. A dirección do hospital asegura que "non se detecta incumprimento" nas presenzas de limpadores ofertadas.

Por E.P. | SANTIAGO | 10/10/2018 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O Comité de Empresa do Hospital Provincial de Conxo, apoiado pola CIG e UGT, demandou para os servizos de limpeza "máis persoal no día a día nas quendas de traballo" --"mínimo tres por quenda, mañá e tarde, e un pola noite"--, así como "solución" á situación das peonadas --que obrigan a que "cada traballador realice limpeza en 25 quirófanos máis ao día"--, e o "arranxo" das situacións que provocan risco laboral e de saúde.

Comité de empresa do servizo de limpeza do Hospital de Conxo e CIG.
Comité de empresa do servizo de limpeza do Hospital de Conxo e CIG. | Fonte: Europa Press

Neste senso, a presidenta do Comité, Carmen Cambón, explicou nunha rolda de prensa este mércores que o Comité --formado por CIG e UGT nas eleccións que se celebraron hai ano e medio-- expuxo reivindicacións relacionadas con problemáticas sobre seguridade e hixiene no posto de traballo, co tipo de contratacións que se realizan e co dimensionamiento do cadro --"moi, moi escasa"-- que "non se cumpriron" e, "a día de hoxe, séguese exactamente igual que naquel momento".

Pola súa banda, o asesor sindical da CIG Anxo Noceda, explicou que, dende a constitución do Comité de empresa abordouse coa compañía adxudicataria da administración e contratación dos servizos de limpeza do Hospital de Conxo a problemática existente na orde laboral, de seguridade e hixiene, "con maior gravidade se se ten en conta que esta empresa está vinculada á ONCE".

"Vense demandando solución á empresa dende abril do ano pasado", aseverou Noceda, e engadiu que "en ningún momento houbo actuación por parte da xerencia, que ocultaba, ademais, información ao Comité de empresa sobre cuestións das que este si debería ter información".

Respecto diso, referiuse a cuestións como o dimensionamiento do cadro de persoal, xa que "en todos os plenos de contratación determínanse os mínimos de persoal que ten que haber no centro de traballo e, ao mesmo tempo, os traballos que debe abordar ese mínimo de persoal".

"En limpeza no hospital os mínimos veñen cumprindo, pero sucede que se demanda ao persoal que desenvolva traballos non ofertados, pretendendo que se desenvolvan traballos a maiores, o que ocasiona sobrecarga de traballo e mobilidade forzosa por diferentes postos de traballo, entre outras cuestións", apuntou Noceda.

Así mesmo, fixo referencia ás peonadas, "tan marabillosamente vendidas pola Administración, tan eficientes, para rebaixar as listas de espera", pero estas implican que "se lle abonan ao propio persoal do Sergas as horas realizadas, pero ao persoal de limpeza non, non é necesario reforzalo", polo que "pretenden que fagan, á parte dos traballos habituais, até 20 ou 25 quirófanos máis diariamente".

SUBCONTRATACIÓN DENTRO DA PROPIA EMPRESA

Por outra banda, o asesor sindical da CIG denunciou que a empresa de limpeza, "con autorización e coñecemento da xerencia do complexo hospitalario, procede á subcontratación dos servizos, contrata con terceiras empresas do seu propio grupo ou servizo de limpeza". "A parte de ter a empresa de carácter ordinario, ten, co mesmo nome, un centro especial de emprego", explicou.

A través del, e coa "desculpa de inserir persoal con discapacidade", a realidade do centro de traballo é que, "no canto de contratar persoal directamente, empregan o centro especial de emprego como unha empresa multiservicios máis --como no caso das camareiras de piso dos hoteis, que están externalizadas--". "Funcionan desa maneira", aseverou.

Deste xeito, o asesor sindical da CIG Anxo Noceda, criticou que "empregan esta situación para abaratar custos laborais e obrigar ao persoal a traballar máis horas, sen aplicarlles o convenio colectivo, con menos retribucións, e sen retribuír a turnicidade, os festivos e a nocturnidade".

"Máis grave é a obrigada datación dos postos de traballo deste persoal para desenvolver eficientemente o seu traballo, que non existe ou deixa moito que desexar, até o punto de que aos traballadores non se lles adapta o posto de traballo e, polas limitacións físicas que padecen non son capaces de desenvolver o traballo, debido á discapacidade", o que "sobrecarga máis o traballo".

SOBRECARGA DE TRABALLO DO PERSOAL ORDINARIO

Isto deriva, ademais, na "sobrecarga" de traballo do persoal contratado en réxime ordinario, sinalou. Respecto diso, trasladou o resultado dun estudo psicosocial no seo da empresa que determina a existencia dunha sobrecarga media de traballo no Hospital de Conxo, que supera o 80%.

"Máis do 80% do persoal ten que asumir máis traballo do que debería e sería realizable na súa xornada laboral, o que incrementa o número de baixas á súa vez, nunha pixota que se morde a cola", asegurou.

Así, referiuse tamén a diferentes inspeccións realizadas por Inspección de Traballo, nas que se detectaron deficiencias en materia preventiva, de recollida selectiva de residuos --onde van os contaminantes, onde non, onde se eliminan obxectos cortantes e punzantes--, así como sobre os pesos que teñen que levantar diariamente os traballadores" e outras cuestións. Respecto diso, sentenciou que "a xerencia do complexo hospitalario non é que non saiba, é que mesmo nin axuda".

NIN UNHA SOA MEDIDA ADOPTADA

Por todo iso, o Comité de empresa denunciou que por parte da compañía adxudicataria "non se puxo enriba da mesa nin unha soa medida correctora" da sobrecarga de traballo e só se expuxeron "impedimientos". "É unha situación que para nós non é nova, vense padecendo en multitude de contratas públicas, coa desculpa económica, que permite ás administracións baixar o prezo de contrata", asegurou.

O resultado é que todos estes problemas e o traballo excesivo recaen "nas costas do persoal"; en concreto, segundo indicou Noceda, "nas costas dun cadro onde o 90% son mulleres", e "coa Administración mirando para outro lado sen facer nada". "Con aqueles que nos venden inserción laboral, xerando precariedade e rebaixa de salarios", criticou.

Finalmente, lembrou que o informe do Consello de Contas do ano 2014, sobre contratas públicas de limpeza do Servizo Galego de Saúde (Sergas), identificaba "multitude de irregularidades" e de "situacións que a Administración non controlaba". E recomendaba que todas as contratas públicas de limpeza do Sergas, ao mesmo nivel de custos económicos, desenvolvésense directamente pola propia Administración", resaltou.

PEONADAS E POSTOS SEN CUBRIR

Máis en concreto, a presidenta do Comité de empresa explicou que as "sobrecargas máis fortes" danse nas peonadas, xa que os traballadores deben cubrir "25 cirurxías diarias a maiores, co persoal que hai minimamente recollido en contrata".

"Cada unha das traballadoras ten a súa praza, sobrecargada con tarefas doutra persona, por prazas que despareceron, e que ninguén nos comunicou oficialmente a súa desaparición, pero non están aí", explicou.

Deste xeito, demandou a necesidade de tres traballadores máis na quenda de mañá e tres na de tarde, porque "as tarefas que están sen cubrir deberían recaer no resto de traballadores", como é o caso da zona da entrada principal ao hospital, das consultas polas tardes e os laboratorios.

Doutra banda, Cambón criticou que, "cando nos imos de baixa e cóbrennos con ese tipo de subcontratación, nós temos que ensinar ás novas, axudalas e, en múltiples ocasións, facer o seu traballo porque no horario que temos non o dan feito", o que deriva nunha "sobrecarga física e psicolóxica", porque "ensinarlles non é un labor noso e non nos corresponde".

RESPOSTA DA DIRECCIÓN

A dirección do Hospital Provincial de Conxo aseguroU que supervisa "periodicamente" o cumprimento do contrato e "non detectou ningún incumprimento en canto ás presenzas ofertadas".

Nun comunicado, indicou que, en relación á subcontratación, é necesario indicar que "existe coñecemento por parte da dirección conforme ao recollido nos pregos de contratación sobre unha solicitude presentada por Iluniun para a contratación de labores de xardinaría, DDD e limpezas especiais. Ademais, resaltou que a xerencia do Hospital Provincial de Conxo xa tivo reunión cos delegados e que lle transmitiu á empresa tamén as súas reivindicacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta