Caballero chama a "evitar cambadelas" na elección do candidato socialista á Xunta

Non desvela se será candidato e ratifica que as primarias serán o 18 de novembro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2018 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, defende que se celebren primarias para elixir candidato socialista á Xunta dous anos antes das próximas autonómicas porque "o escenario electoral galego é impredicible". Así se expresou hoxe despois de celebrarse a comisión executiva nacional galega que ratificou o 18 de novembro como data para celebrar as primarias para elixir candidatos en municipios de máis de 20.000 habitantes e ás autonómicas —haberá segunda volta o 25 de novembro no caso de que ningún obteña máis da metade dos votos—.

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, na Executiva nacional. PSOE
O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, na Executiva nacional. PSOE | Fonte: Europa Press

"Non descartamos ningún posible escenario electoral", respondeu sobre a antelación para facer as primarias para ter candidato ao Goberno autonómico. Asegura que "o escenario electoral galego é impredicible no sentido de que, como unha nacionalidade histórica o presidente da Xunta pode disolver no momento no que crea oportuno".

A este respecto, apunta que "noutras ocasións se esperou aos últimos tempos para abrir os procesos de primarias" e nesas eleccións "os resultados non foron tan bos como gustaría". "Nós o que queremos é estar nas mellores condicións para que cando se produza ter toda a forza política", proseguiu nas súas explicacións.

Ademais, agregou outro motivo, a situación en España. "Non sabemos cal vai ser tampouco o escenario electoral no conxunto do Estado e iso pode ter tamén implicacións sobre a convocatoria en Galicia".

NON DESVELA SE SE PRESENTARÁ

Preguntado sobre se se vai a presentar para ser candidato nas primarias de cara ás eleccións autonómicas non desvelou que fará. "Corresponde que a comisión executiva federal abra o proceso, fixemos a proposta do que consideramos no PSdeG, e de momento corresponde a que se abran os procesos", sostén.

A comisión executiva galega fai a proposta á comisión executiva federal, á que corresponde agora aprobar os prazos dos distintos calendarios, e espera que abra o proceso de "forma inminente".

"EVITAR CAMBADELAS"

Na súa intervención, remarcou que o Partido Socialista "baséase na militancia". "A min gústanme as primarias, queremos que falen os militantes", sentenciou.

"A militancia deume a responsabilidade de liderar o socialismo galego, esa é unha alta responsabilidade que estou a tentar levar a cabo co maior acerto posible", proclama.

Sobre este extremo, avisa de que "a militancia quere participar e non vai permitir calquera tipo de erro ou cambadela que poida aparecer nos procesos".

Cuestionado sobre a que "cambadelas" se refire, resolveu que espera contar "coa vontade construtiva de toda a organización", "evitando erros ou calquera tipo de cambadela".

Considera que "o PSdeG está moi ben", nunha situación "moito mellor" que hai un ano, cun apoio "máis amplo" na militancia e esta dirección "vai estar á altura para que ninguén cometa erros". "O tempo en que a militancia tiña un papel menor chegou ao seu fin cando Pedro Sánchez chegou a secretario xeral", deixa claro.

Ademais, no tocante a se dirixentes provinciais lle trasladaron o seu malestar pola prema para elixir o candidato á Xunta, Caballero limitouse a contestar: "Correspóndeme facer o mellor para o PSdeG para propiciar un cambio político en Galicia". Incide en que non é unha decisión "en clave persoal, senón de responsabilidade política" para abrir "un novo ciclo no país".

Á hora de analizar como se tomou esta decisión na reunión deste mércores, aclara que "non houbo ningunha votación como nunca houbo na comisión executiva galega", pero si un debate con "moitísimas intervencións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

polo que se ve as eleccións chegarán máis cedo do que contan os telediarios ? Pedro Sánchez El Breve ?