Sobe a inflacción en Galicia até o 2,3% en setembro

Volve á senda alcista após baixar unha décima en agosto, impulsada pola subida de vestido e calzado e en vivenda e transporte.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) aumentou tres décimas en Galicia en setembro en relación co mes anterior e situou a taxa interanual no 2,3%, como a media. Este dato, que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE), supón un repunte da inflación dunha décima, desde o 2,2% interanual no que se atopaba en agosto.

Variación do IPC en Galicia. EPDATA
Variación do IPC en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Previamente, baixara outra décima, respecto ao 2,3% no que xa estaba en xuño e en xullo. Durante os cinco primeiros meses do ano a inflación había ido escalando na comunidade galega: do 0,6% en xaneiro ao 0,9% en febreiro, 1,1% en marzo, 1,2% en abril e 2% en maio.

No conxunto estatal, o incremento mensual foi do 0,2% e no repunte da taxa interanual do IPC de setembro influíu principalmente a subida dos prezos da electricidade e, en menor medida, do gasóleo para calefacción e do gas.

Por comunidades, os prezos subiron en setembro en taxa mensual en todas as comunidades autónomas salvo en Asturias (-0,1%), Baleares (-0,1%) e Cantabria (-0,2%), mentres que en Murcia e A Rioxa mantivéronse sen cambios.

En termos interanuais, o conxunto das 17 comunidades presentou taxas positivas en setembro. A máis elevada correspondeu a Castela-A Mancha (+2,7%) e a máis baixa a Baleares (+1,9%).

BAIXA EN LECER E CULTURA E ENXOVAL

No caso de Galicia, o IPC anual da vivenda ascende a un 6,2%, despois de rexistrar unha subida mensual do 1,3%. O outro ámbito cunha inflación máis elevada na comunidade é o do transporte, cun 4,5%, após crecer cinco décimas respecto de agosto.

Ao lado contrario, anótanse taxas interanuais negativas o lecer e a cultura (-0,9% despois de baixar un 2,5% en variación intermensual) e o enxoval (-0,5%, após manterse sen variación nun mes).

O maior crecemento intermensual deuse en vestido e calzado (do 5,5%, o que sitúa a inflación destes produtos no 1%) e a maior redución foi ese 2,5% de lecer e cultura, seguida da que experimentaron hoteis, cafés e restaurantes (-0,9% en relación con agosto).

DATOS ESTATAIS

No conxunto estatal, a taxa interanual de setembro é a vixésimo quinta taxa positiva que encadea o IPC interanual e implica que os prezos son hoxe uns 2,3% superiores aos de hai un ano. A taxa de IPC interanual levaba dous meses estable no 2,2%, pero en setembro volveu a rexistrar o mesmo dato que en xuño, o que sitúa aos prezos en máximos desde abril de 2017.

A inflación subxacente, que non inclúe os prezos dos produtos enerxéticos nin dos alimentos non elaborados, mantívose no 0,8% en setembro, co que se coloca 1,5 puntos por baixo do IPC xeral.

No noveno mes do ano, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCA) situou a súa taxa anual no 2,3%, unha décima por encima da rexistrada en agosto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta