A TVG retransmitirá por primeira vez íntegramente o desfile das Fuerzas Armadas Españolas do 12 de outubro

O Comité Intercentros da CRTVG denuncia a utilización política dos medios públicos galegos no “Día da Festa Nacional 2018”. Feijóo anunciou a súa presenza.

Por Galicia Confidencial | compostela | 11/10/2018 | Actualizada ás 19:47

Comparte esta noticia

O Comité Intercentros rexeita a decisión da Dirección de Informativos da CRTVG de emitir íntegramente, este venres doce de outubro, de 11:00 a 13:00 horas, o desfile das Fuerzas Armadas Españolas con motivo da “Festa Nacional de España”.

O rei Felipe V no desfile do 12 de outubro de 2017
O rei Felipe V no desfile do 12 de outubro de 2017

"Será a primeira vez en 36 anos que a televisión pública galega lle dedique dúas horas da súa programación á retransmisión íntegra deste evento, que malia ser de interese estatal e de emisión por TVE para todo o territorio do estado, carece de interese e xustificación na grella da televisión pública de Galicia", denuncia o comité nun comunicado.

Ademais, critica que que, mentres se está a atender a esta "cobertura innecesaria", estase a abandonar a retransmisión doutros eventos representativos da sociedade, a cultura e o deporte galegos, "incumprindo unha das principais misións que teñen os medios públicos do país, como é defender a identidade de Galicia".

O Comité considera que, con esta retransmisión, a dirección da CRTVG, nomeada polo Partido Popular, está facendo novamente unha "utilización política dos medios públicos", xa que reflicte unha idea de España contraria ao recoñecemento da pluralidade nacional, lingüísta e cultural dos posbos do estado. "Non se pode esquecer que o 12 de outubro se celebra, baixo a denominación oficial de Festa Nacional de España, a conquista e colonización de América, que supuxo o expolio do seus territorios e a masacre de pobos indíxenas", recolle.

Ademais apunta que, tamén nesta ocasión, como acontece noutros espazos da  programación da TVG, serán altos cargos da Dirección de Informativos os que conduzan esta retransmisión, "marcando a liña editorial dos contidos e comentarios que se produzan, sen marxe á pluralidade de perspectivas sobre a celebración do 12 de outubro e o modelo territorial que implica".

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hai uns días que estará presente neste acto. "Alí estarei como xa estiven outros anos", indicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta