Carlos Fernández Rial, un dos grandes impulsores da cultura galega na Arxentina

Faleceu en Buenos Aires Carlos Fernández Rial, un dos musicos e animadores culturais máis destacados, das segundas xeracións de emigrantes galegos na Arxentina.

Por Lois Pérez Leira | Bos Aires | 12/10/2018

Comparte esta noticia

Despois dunha longa e cruel enfermidade faleceu este mércores 10 de outubro, Carlos Fernández, para os seus amigos “ Carlitos”. Naceu en xuño de 1959, nunha familia galega, onde a música e a danza eran os protagonistas fundamentais. Tamén os ideais republicanos, eran parte importante destes galegos da diáspora.

Carlos Fernández Rial, un dos fundadores de Xeito Novo na Arxentina
Carlos Fernández Rial, un dos fundadores de Xeito Novo na Arxentina

O matrimonio deixaba atrás a represión franquista, que se cobrou a vida de varios familiares. Os Fernández Rial, instaláronse en Buenos Aires nos anos cincuenta, aínda gobernaba o xeneral Perón. Tanto Pepe como Lola comezaron a frecuentar a Federación de Sociedades Galegas, os bailes do teatro Federal etc... Alí participaban das distintas comisións de traballo, Pepe especialmente foi o impulsor do futbol, no recreo de Punta Chica, en San Isidro. Mentres que o pai de Carlitos caracterizouse por ser un extraordinario impulsor do folclore galego, participando no Coro Federal, Bretemas e Raiolas e Os  Rumorosos. Na Federación participaban da Sociedade de Boiro e do Centro Betanzos.

Pepe xunto co seu irmán Antonio, deron os primeiros pasos para a fundación do Deportivo Español. Mentres que o primeiro fillo do matrimonio Pablo, desde moi novo destacouse como un extraordinario bailarín de danzas galegas, o cal era o orgullo do seu irmán Carlos. A Carlitos coñecino a fins dos 70, era moi novo. Militara na mocidade comunista, na súa etapa de estudante segundario. Foi parte -en 1973- do Circulo da F. J. C. Julián Grimau, xunto a Luís Fernández, Daniel Portas, o seu irmán Pablo, Patricia Portos entre outros.

Posteriormente foise achegando á UES e ao peronismo revolucionario. Víao moi a miúdo na Federación, cando ía ás clases de gaita do mestre Avelino. Naquela etapa empezamos unha profunda amizade. Moitas veces atopabámonos no Centro Betanzos, que era nosa “guarida”, xunto ao músico Carlos López García, Chucho, “A Porota”, o outro Carlos García. Polas noites intercambiabamos o saúdo diario de despedida, co profesor Alfredo Bravo que alugaba unha oficina de CETERA no local do Centro Betanzos, da rúa México. Noutra das oficinas estaba o Centro de Rianxo, onde se compuxo a mítica canción A Rianxeira.

Cando decido en 1979, regresar a Galicia por segunda vez, Carlos decide tamén exiliarse. As cousas na Arxentina aínda seguían moi perigosas. E aos dous meses estabamos a vivir xuntos no mesmo piso da Coruña. A parte da nosa loita pola sobrevivencia nunca faltou unha guitarreada. Mesmo compuxemos unha canción a Inés Ollero, que fora noiva miña e neses momentos estaba secuestrada pola Escola de Mecánica da Armada, ESMA. Xuntos fomos a entrevistamos con Domingos Merino, o alcalde nacionalista da Coruña e participamos do Congreso do Partido Socialista Galego, que fundara Xosé Manuel Beiras. Tambien lémbroo xunto a Alberto Varela, cando lle entregamos en Compostela, unha carta de Arturo Cuadrado a Rafael Dieste, na homenaxe póstuma a Celso Emilio Ferreiro. Unha tarde fomos a visitar a tumba de Lus Seoane no cemiterio da Coruña.

Naquela etapa Carlos cumpriu co mandato familiar de visitar aos seus familiares daquelas terras. Xuntos fomos ata Monforte e Lalín, onde estaban as súas orixes. Tamén ao barrio do Viso -en Vigo- onde vivía unha parte da súa familia. Ata fundamos un equipo de futbol denominado “A Ponte”. Carlitos integraba o equipo e eu era o director técnico. A maioría eran arxentinos e uruguaios. Cando terminaban os partidos, regresabamos ao bar -onde era o punto de encontro- sobre a avenida Vila de Negreira e alí celebrando cun bo viño galego branco. Sempre cantabamos de broma Gañamos perdemos, sempre perdemos!!!! O equipo sempre perdía, pero eramos felices.

Como tiñamos moi preto o estadio de Riazor, os domingos que podiamos, iamos ver ao Coruña. Foron moitas noites de bágoas e alcol, por tantas mortes ocorridas na Arxentina. Nun daqueles encontros musicais preséntelle a Mari Carmen, unha moza galega, que ao pouco tempo converteuse na súa primeira parella e nai da súa primeira filla. Tamén coincidimos no noso retorno á arxentina. Novamente na Federación, na Oficina Española de Turismo, onde traballaba igual que a súa muller María del Carmen. Carlos por aqueles anos -ao comezo da democracia- comeza a impulsar a súa gran obra musical que foi a creación de Xeito Novo.

Unha verdadeira revolución musical na colectividade galega. Co meu irmán Juan colaboramos -desde a imprenta do meu pai- coa impresión dos primeiros sobre e papel carta de Xeito Novo. Lembro unha anécdota moi curiosa, polos inicios dos 80, comeza a representar unha empresa que vendía aparellos de fax. Cando me conto o que facía pregúntelle en que consistía. Alí explícome verbalmente como funcionaba o aparello, custoume moito entendelo, ata que non o vin funcionar. Logo Carlos participa do CRE de Buenos Aires, é nomeado Secretario Xeral do PSOE da Arxentina e funda a Agrupación “A Lorca”. Coa súa morte sen ningunha dúbida deixanos un dos dirixentes máis importantes das segundas xeracións de galegos na arxentina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Lois Pérez Leira Naceu en Vigo en 1953, emigrando á Arxentina cos seus pais sendo aínda un neno. En 1990 retorno definitivamente a Galicia, especializándose en temas migratorios. Durante estes últimos anos escribiu numerosos libros sobre a emigración galega e impartiu distintas conferencias en distintos países do mundo. Nos últimos anos se dedicou ao documentalismo sendo director de 18 documentais. Na actualidade é o secretario xeral de Nova Esquerda Socialista, organización que participa do Novo Proyecto Común. Foi distinguido en numerososa oportunidades, sendo nomeado cidadán ilustre da cidade de Salvador de Bahia.