A oposición ve o teito de gasto como "insuficiente" e será un "cheque en branco" para a Xunta

O PPdeG cre que "reflicte un modelo de economía no que se poden dedicar máis recursos á prestación de servizos públicos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2018 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

O tres grupos da oposición (En Marea, PSdeG e BNG) avanzaron o seu rexeitamento ao teito de gasto non financeiro para o exercicio 2019 presentado pola Xunta a pasada semana por considerar que é "insuficiente" e que supón un "cheque en branco" para o Goberno galego. Todos os grupos da Cámara abordaron este luns, na xornada previa ao seu debate no Parlamento, o teito de gasto aprobado polo Consello a semana pasada e que se eleva a 9.850 millóns de euros, o que supón aumentar a capacidade de gasto en 363 millóns (un 3,8%) en relación ao orzamento en vigor.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.

Respecto diso, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que a súa formación votará en contra desta proposta por considerar que é "insuficiente" para cubrir as necesidades en materia de servizos públicos, dependencia e creación de emprego". "Insuficiente para empezar a reverter os efectos dos recortes", engadiu.

Así mesmo, acusou ao PP de reducir o debate a un "paripé" xa que "fixar o teito de gasto tería que ser o primeiro paso para a elaboración duns orzamentos que xa están redactados", e polo "sen sentido" de que a capacidade de gasto de Galicia "se decida a centos de quilómetros en Madrid e Bruxelas" o que, na súa opinión, reduce a un "mero formalismo burocrático" un debate que tería que ser clave para as contas. Despois disto, aproveitou para facer referencia ao pacto orzamentario entre PSOE e Podemos no Estado e, aínda que recoñeceu aspectos positivos como a subida do SMI, criticou que apenas avance en "dereitos roubados".

"CHEQUE EN BRANCO"

Noutra rolda de prensa celebrada este luns, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, tamén rexeitou o teito de gasto por considerar que supón un "cheque en branco" para asumir unha reforma fiscal sen explicar a través dun "debate serio". Ademais, despois de que a Xunta de Portavoces fixase a organización do pleno que terá lugar o martes, Leiceaga asegurou que a documentación achegada polo Goberno galego só ofrece unha "estimación parcial" dos efectos da dita reforma sen explicar que impostos quere modificar.

Así mesmo, censurou que "anuncien unha redución de impostos" pero que, ao tempo, "incrementen un 33 por cento os ingresos financeiros, que inclúen tributos propios da Xunta. "As previsións do Goberno galego condenan a Galicia a permanecer un ano máis moi por baixo da capacidade de creación de emprego do resto do Estado, un factor fundamental para reverter a crise demográfica e garantir a sustentabilidade do sistema de benestar de Galicia, argumentou.

"MÁIS PAPISTA QUE O PAPA"

Para En Marea, Feijóo continúa "obcecado" en ser "o alumno máis avantaxado" das "políticas austericidas", o que, segundo o seu viceportavoz parlamentario, Antón Sánchez, leva ao presidente galego a ser "máis papista que o papa" e rexeitar acollerse á flexibilización do teito de gasto que permite o Goberno central.

De feito, Sánchez censurou que se inicie o "debate orzamentario" coa fixación do teito de gasto, co que prioriza cumprir "cos bancos e as institucións financeiras" en lugar de atender "as necesidades das persoas". Neste sentido, Sánchez lamenta que Feijóo "critique" ao Goberno central por flexibilizar o teito de gasto pois "esta crítica é afondar máis no sufrimento colectivo" e fai que "a Xunta se autoimpña máis restricións das que lle impón a Unión Europea e o Estado".

POSTURA DO PPDEG

Enfronte, o portavoz do Grupo Popular no Hórreo, Pedro Puy, cualificou de "positivo" o aumento do 3,8 por cento no teito de gasto, xa que "reflicte un modelo de economía no que se poden dedicar máis recursos á prestación de servizos públicos diminuíndo a presión fiscal sobre a cidadanía". Respecto diso, cre que isto último xera un "efecto expansivo" sobre a economía porque favorece o "consumo". Ademais, enxalzou a "estabilidade" que, di, ten a política galega grazas á maioría absoluta dos populares, algo que, segundo Puy, non se dá "en ningunha outra comunidade autónoma".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta