Galicia baterá "unha nova marca" ao pechar 2018 con máis de 320.000 peregrinos

Feijóo apela ao espírito do Xacobeo do ano 1993 para preparar o de 2021, chamado a ser "un fito histórico deste século". Manuel Pozo, madrileño e peregrino 300.000 de 2018: "Aconsello a todo o mundo que faga o Camiño só".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2018 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

O peregrino número 300.000 de 2018, Manuel Pozo Guerra, de 52 anos e procedente de Madrid, chegou este luns, 15 de outubro, a Santiago de Compostela, cidade que, se se cumpren as previsións do titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, poderá dar fe de "unha nova marca" cando se peche este ano, xa que se superarán os 320.000.

Feijóo dá a benvida ao peregrino número 300.000. XUNTA DE GALICIA
Feijóo dá a benvida ao peregrino número 300.000. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

O presidente ratificou esta previsión nun acto co peregrino número 300.000, que fixo o Camiño Francés en dúas quendas --de Roncesvalles a León e de León a Santiago--, acompañado da responsable autonómica da área turística, Nava Castro; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o deán da Catedral, Segundo Pérez; e o arcebispo de Santiago, Julián Barrio. Feijóo incidiu en que a cifra "histórica" do peregrino número 300.000 "lógrase dous meses antes" que o ano pasado e destacou o incremento do número de camiñantes, chegados de 172 países --e cada vez por máis rutas xacobeas--.

Ao seu xuízo, isto demostra que "Galicia gusta" e que o traballo de todos, e moi especialmente do sector turístico, fai que o Camiño de Santiago xa non sexa só un fenómeno exclusivo dos anos santos. "Poucas cuestións", como a distinta procedencia dos visitantes, acredita, segundo o presidente, o carácter "universal" do Camiño. A continuación, esgrimiu que o Executivo autonómico traballa no seu coidado e promoción a través do 'Plan Director do Camiño de Santiago', un instrumento cun investimento de 56 millóns de euros e oito liñas de traballo.

"E cunha constante planificación, criterio e 'sentidiño' para mellorar, recuperar e conservar o patrimonio natural e cultural; para seguir apostando por un turismo responsable e diversificado; e para continuar pondo en valor o que nos diferencia, a excelencia desde a tranquilidade e a autenticidade", aseverou.

"UN FITO HISTÓRICO DESTE SÉCULO"

Tras rememorar o Xacobeo do ano 1993, "o primeiro gran Xacobeo da historia" cuxa magnitude "non poderían imaxinar Manuel Fraga nin Víctor Manuel Vázquez Portomeñe", Feijóo augurou que a cita de 2021 tamén marcará "un fito histórico deste século". Un reto para o que se conta coa nova Consellería de Cultura e Turismo, coa entrada da AVE antes do ano santo e coa rehabilitación integral da Catedral de Santiago.

"Estamos a falar de preparar o mellor Xacobeo da nosa historia", insistiu, antes de apelar ao espírito do Xacobeo do ano 93, que "colocou Compostela no mapa turístico e concedeulle o título de cidade universal". O presidente galego garantiu "o compromiso" do Executivo autonómico, á vez que agradeceu a colaboración das autoridades eclesiásticas. "Os galegos estamos orgullosos de modernizar unha tradición sen perder os alicerces da mesma. Sen a Igrexa non habería ano Santo, o Camiño sería só un lugar por onde transitar", incidiu.

"VOLVEREI FACER O CAMIÑO"

Antes de Feijóo, Manuel Pozo, recolleu a súa 'compostela' e un diploma acreditativo de que foi o peregrino número 300.000 en chegar á capital galega. Visiblemente nervioso, ante os numerosos medios congregados, pronunciou unhas breves palabras: "Volverei facer o Camiño". O presidente galego deulle a benvida e instoulle non só a "pregoar" o Camiño, senón a exercer coma se fose o seu "embaixador". Ademais, confesou que, en privado, o madrileño, que chegou a Santiago tras realizar o Camiño Francés, confesoulle que repetiría a experiencia o ano que vén.

O arcebispo compostelán, pola súa banda, incidiu no "misterio máxico" das cifras, pero "máis aló de números" apostou por recoñecer o esforzo de todos os camiñantes que se deciden a percorrer as rutas xacobeas "en actitude de procura". A chegada dos numerosos peregrinos á capital galega foi identificada por Julián Barrio como unha metáfora de que aínda se reciben e "non faltarán boas noticias de esperanza, de amor e de Deus".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta