Novo revés xudicial para o alcalde de Valga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dá novamente a razón á Deputación de Pontevedra e desestima o recurso do Concello de Valga sobre o financiamento dun centro de atención a persoas con diversidade.

Por Galicia Confidencial | Valga | 16/10/2018 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación do Concello de Valga contra a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra con respecto ao financiamento do Centro Ocupacional de Atención a Persoas con Diversidade (CODI) de Valga. 

José María Bello Maneiro, alcalde de Valga
José María Bello Maneiro, alcalde de Valga | Fonte: Concello de Valga

Ambas sentenzas poñen de manifesto que, segundo a lexislación, a Deputación de Pontevedra non ten a competencia para contribuír á prestación dos servizos sociais específicos como é o caso do CODI de Valga, onde as persoas beneficiarias reciben unha atención especializada, xa que se trata dunha responsabilidade da Xunta de Galicia.

Ata a chegada do PSdeG e o BNG ao goberno da deputación, o Concello de Valga, xunto co de Meaño –os dous do PP- , eran os únicos aos que a anterior administración do popular Rafael Louzán financiaba estes servizos. Por iso, neste contexto, a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, recordou que o primeiro fallo do Xulgado Contencioso Administrativo de Pontevedra viña xa de dar a razón á Deputación de Pontevedra ao estipular que o financiamento do CODI de Valga non se trata dunha competencia da institución provincial.

A xustiza nos dá ovamente a razón e avala o noso propósito de atallar unha situación irregular, inxusta e discriminatoria para o resto dos concellos da provincia", dixo ao referirse ás decisións da anterior corporación, que achegaba financiamento para os servizos específicos soamente dos concellos de Valga e Meaño "mentres esquecía a outros moitos centros similares que hai na provincia como os de Caldas, A Cañiza, Crecente, Forcarei, O Rosal, Sanxenxo, Silleda ou Vila de Cruces". 

"Con esta decisión do tribunal, pregúntolle hoxe ao alcalde de Valga é se vai levar aos tribunais o Goberno galego de Núñez Feijoo para defender os intereses do CODI", ironizou.  Ademais, destacou que o novo executivo provincial “rachou completamente as situacións discriminatorias” e “atende rigorosamente á lexislación, asumindo as competencias que determina para os gobernos provinciais".

CRÍTICAS DOS POPULARES

Pola súa banda, o PP de valga insiste en denunciar supostas irregularidades da deputación a pesar da sentenza. “Seguimos reafirmándonos e non nos calarán. Consideramos que a Deputación Provincial estaba a financiar uns servizos sociais comunitarios. Coñecemos as leis, pero estas son interpretables e por iso imos seguir loitando para que o CODI non quede sen financiación. O que está máis que claro é que ao Concello non lle corresponde e, sen embargo estase a facer cargo”, apuntan os populares nun comunicado.

Así, aseguran que a anterior deputación do PP financiou e apoiou o CODI durante anos “sen que se estivese a cometer ningunha ilegalidade” e acusan ao PSdeG e ao actual goberno da deputación de “discriminar” a Valga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta