Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2018 | Actualizada ás 19:41
O prazo para presentar candidaturas ás primarias que o PSdeG celebra para elixir o seu candidato á Presidencia da Xunta concluíu ás 19,00 horas co secretario xeral, Gonzalo Caballero, como único aspirante neste proceso interno.
Deste xeito, o profesor universitario vigués queda proclamado único precandidato. Agora, ábrese o prazo para que proceda a recoller os avais necesarios que, segundo o regulamento do PSOE, serán dun mínimo dun 2% dos militantes --194 apoios-- e dun máximo do dobre --388--.
Gonzalo Caballero terá até o día 29 de outubro para presentar os avais necesarios. A partir de aí, depois dun período de verificación, proclamación provisional e presentación de recursos, poderá ser proclamado candidato o sábado 3 de novembro sen necesidade de que os militantes voten, ao non haber outra persona que se postule para esta encomenda.
O líder dos socialistas galegos asegurou o luns que, con este paso, busca conseguir un PSdeG "potente e con proxecto" para arrebatar o control político en Galicia ao Partido Popular e a Alberto Núñez Feijóo, como el mesmo destacou o luns na presentación da súa candidatura.
PROCESO "CON NORMALIDADE"
Antes de pechar o prazo de candidaturas, preguntado respecto diso por Europa Press, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, limitouse a facer unha reflexión xeral sobre o proceso orgánico para subliñar que o seu desexo era que "se produza con normalidade e cordialidade".
"Hoxe saberemos se hai máis candidatos; se non os hai, o proceso acaba aquí. Se os hai, terá que haber unha disputa real", manifestou Leiceaga. Finalmente, ningún outro dirixente á marxe de Gonzalo Caballero, deu o paso adiante.
PRIMARIAS MUNICIPAIS
De forma paralela, os socialistas galegos continuarán con normalidade co calendario aprobado pola dirección do PSOE para a elección das cabezas de cartel ás eleccións municipais nos concellos de máis de 20.000 habitantes.
En concreto, as votacións terán lugar o próximo 18 de novembro. Ademais, no caso de que ningún dos aspirantes logre a metade dos votos, haberá segunda volta o día 25.
No caso dos municipios de máis de 20.000 habitantes, o prazo para concorrer ao proceso estará aberto do 22 ao 25 de outubro, xornada na que se abrirá o período de recollida e presentación de avais. A campaña interna será do 9 ao 17 de novembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.