O deán da Catedral de Santiago ve "moi difícil" organizar os accesos se aumenta o número de peregrinos

O xerente do Xacobeo ve "complicado" regular os fluxos de viaxeiros no Camiño porque "cada un o empeza onde quere".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2018 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, admitiu este mércores que será "moi difícil" e "complicado" organizar os accesos ao seu interior se o fluxo de peregrinos segue aumentando. Precisamente este martes, o Centro Internacional de Acollida ao Peregrino deu a benvida ao seu visitante número 300.000, coa previsión da Xunta de que o ano se peche cunha cifra total de 320.000.

Portico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Archivo
Portico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Archivo

A preguntas dos medios, Segundo Pérez recoñeceu que a Catedral, a pesar de ser a "máis grande do mundo" das de estilo románico, "é pequena" para esta afluencia. "Sinceramente, eu non lle vexo moita solución porque hai o que hai e é o que é", engadiu.

"Xa o falamos varias veces e quereríamos que tanto o servizo material como espiritual fose mellor. (...) Non sei se poderemos facer moito máis, haberá que tentar facelo o mellor que podamos", manifestou.

Cuestionado sobre se o Camiño podería morrer de éxito en vista do número crecente de peregrinos, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, destacou o seu "elemento diferenciador", que é o seu "carácter informal": "Cada un o empeza onde quere". Por iso, igual que o deán, considera que a regulación de fluxos é "complicada".

No entanto, valorou as conclusións de estudos realizados pola Xunta e grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) sobre o impacto socioeconómico do Camiño, que conclúen con que "non" hai "saturación" nas rutas, senón "niveis altos" de afluencia "en momentos puntuais".

"REFORMULAR" AS VISITAS AO PÓRTICO

Sobre a conservación do Pórtico da Gloria e o seu acceso --aberto ao público desde xullo e cun réxime de visitas de pago desde setembro--, Segundo Pérez aposta por "reformular o tema" de cara ao Xacobeo, porque "quitar o Pórtico en Ano Santo é quitar un uso catequético e espiritual da peregrinación". "Hai moitas opinións de xente que di que o Pórtico pertence non ao Museo senón á peregrinación", reivindicou o deán.

PROMOCIÓN INTERNACIONAL DE GALICIA

En calquera caso, o xerente do Xacobeo lembrou que existe unha comisión dirixida por Cecilia Pereira que "insiste no ámbito da colaboración" institucional para "fortalecer o acontecemento" tanto en Galicia como "a nivel internacional" cunha programación "de carácter social, cultural e turística de promoción" da Comunidade.

Así, anunciou que os orzamentos autonómicos para 2019, que serán presentados pola Xunta a semana que vén, terán "unha partida" destinada ao Xacobeo que permitirá "ir traballando" nas actividades de celebración.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta