Os efectos do Brexit en Galicia serán máis cualitativos que cuantitativos, sobre todo en téxtil, pesca e servizos

Alfonso Rueda, Corina Porro e Fernando González Laxe advirten de que haberá impacto na comunidade e chaman a estar preparados.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/10/2018 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

O Brexit terá máis efecto cualitativo que cuantitativo en Galicia, segundo un informe do Consello Económico e Social (CES) sobre o grao de exposición da economía galega ante a eventual saída do Reino Unido da Unión Europea.

Fernando González Laxe, Alfonso Rueda e Corina Porro, no CES
Fernando González Laxe, Alfonso Rueda e Corina Porro, no CES | Fonte: Europa Press

En concreto, o profesor Fernando González Laxe, director do equipo encargado do estudo, apuntou aos sectores téxtil e da pesca como os potencialmente máis afectados en termos cualitativos, xa que o que máis exporta Galicia a Reino Unido é roupa e o que máis importa de alí, peixe. Se o que se analiza é o impacto cuantitativo, advertiu de que as compañías que máis prexudicadas poderanse ver son todas aquelas vinculadas aos servizos: avanzados, financeiros, comerciais, etcétera.

Laxe, que lembrou que durante a súa presidencia da Xunta (no tripartito que gobernou a comunidade a finais dos 80) se creou a Fundación Galicia Europa, avogou por estar "moi atentos" e avisou sobre que o informe terá que seguir actualizándose ante a posibilidade de que se produza a denominada "teoría do precipicio". Entón, dixo, "haberá que mirar regulamento a regulamento, servizo a servizo, tecnoloxía a tecnoloxía e persoa a persoa". E é que o estudo, que se presentou este mércores no CES, aborda cinco escenarios posibles: o de Noruega, o de Suíza, o de Turquía, o de Canadá e o da ruptura. Este último é o que se daría se non hai acordo e Reino Unido queda fóra da Unión Europea sen ningún convenio de relación bilateral.

Ademais, baséase sobre tres alicerces, o teórico, o aplicado e o da percepción e opinión cidadá, que establece que a poboación galega fai un seguimento "continuo" da situación e é consciente de que, se hai ruptura, terá "consecuencias sobre os prezos, o emprego, as rendas e o comercio". Este documento é "oportuno e necesario", segundo subliñou Laxe, quen ademais valorou que no seu nivel de profundidade á hora de medir o grao de exposición dunha economía ante o Brexit "non ten parangón" nin no ámbito universitario nin no de gobernos rexionais da fachada atlántica. Como exemplos, explicou que estuda os efectos na agricultura, que serán sobre todo os relativos a controis e "barreiras técnicas", posto que hoxe existe liberdade de circulación.

No sector pesqueiro, indicou que "non é tanto o acceso ao recurso" como outras cuestións como o acordo con Malvinas e o aumento da dependencia, tendo en conta que Galicia importa "moitos produtos pesqueiros" de Reino Unido. No aspecto social, o informe examina as consecuencias en asistencia sanitaria, normativa laboral e pensións, de modo que, por exemplo, os traballadores galegos residentes alá terán que modificar o seu status laboral. "Se se dá unha ruptura total, este tema será de gran complexidade", chamou a atención. Tamén se referiu o profesor encargado de dirixir o documento ao transporte marítimo e ao aéreo, para dar unha idea do grao de análise do mesmo.

"PAPEL ACTIVO"

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou por adoptar un papel "activo" para defender os intereses de Galicia ante o Brexit. En marzo de 2019, cando termine o proceso, "sexa o que sexa", vai afectar á comunidade galega, constatou. Por iso, remarcou a relevancia deste estudo con "triplo enfoque".

Mentres, a presidenta do CES, Corina Porro, referiuse ao comezo dunha "fase decisiva" nas negociacións e valorou este informe como unha "base sólida para que non haxa que empezar de cero cando se produza a desconexión".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta