Ex-xefe de seguridade de Adif admite que se puido evitar o accidente de Angrois co sistema ERTMS

Andrés Cortabitarte confesa que el mesmo autorizou desconectar o sistema a bordo do convoi.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2018 | Actualizada ás 19:17

Comparte esta noticia

O ex-responsable de seguridade na circulación de Adif Andrés Cortabitarte, investigado na causa polo accidente do tren Alvia en Angrois (Santiago) no que morreron 80 persoas, admitiu que co sistema ERTMS instalado, o sistema que el mesmo autorizou desconectar a bordo do convoi, o sinistro non se tería producido.

Exresponsable de seguridade de circulación de Adif Andrés Cortabitarte
Exresponsable de seguridade de circulación de Adif Andrés Cortabitarte | Fonte: Europa Press

Na comisión de investigación do Congreso, a portavoz do PSOE Pilar Cancela preguntoulle se co sistema de control da velocidade ERTMS instalado "se tería aplicado automaticamente o freo" no caso de que o maquinista "non recoñecese" o botón. Esta última parte, de feito, achegouna o propio interrogado. "Por tanto, teríase evitado o accidente?", inquiriu a socialista.

"Neste caso si. Porque a transición está antes da avanzada. Se non toco (o botón de recoñecemento) aplícalle freado. Se lle aplica freado até recuperar, o tren non chegaría a 179 á curva. Agora ben, esa é unha suposición máis das moitas", expuxo o cargo de Adif, aínda nun posto de libre designación na empresa pública.

Na súa intervención inicial, negou ter "ningunha responsabilidade" na traxedia, sinalou ao maquinista como o responsable, e afirmou que sufriu "ao verse involucrado como un dos presuntos responsables".

"A dor das vítimas en absoluto é comparable co sufrimento que eu tiven que pasar. O seu é irreparable, con todo, iso non quita para que eu deba dicir aquí que sufrín por verme involucrado como un dos responsables dun accidente no que non tiven ningunha responsabilidade", defendeu.

Previamente a admitir que con ERTMS o accidente non se tería producido, dixo o contrario: "Que se tería evitado o accidente? Pois non o creo", afirmou, ao argumentar que ese era "un estímulo máis dos moitos que tiña" e ao lamentar que aquel día, ao seu xuízo, "o tren ía só".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta