En Marea alerta da "chantaxe" de Alcoa e reclama á Xunta e ao Estado "buscar solucións"

O portavoz da formación, Luis Villares, apunta que a multinacional debería devolver todas as subvencións recibidas se pecha as súas plantas. O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, culpou aos gobernos do PP por dar privilexios a Alcoa e ás eléctricas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2018 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

En Marea avisou de que non debe caerse na "chantaxe" ante o anuncio de que a multinacional do aluminio Alcoa pechará as súas plantas da Coruña e Avilés, que dan traballo a 700 persoas, máis da metade na factoría herculina.

Luís Villares, este luns. EN MAREA - Archivo
Luís Villares, este luns. EN MAREA - Archivo | Fonte: Europa Press

Tanto o portavoz rupurista, Luís Villares, como o deputado Antón Sánchez comezaron as súas respectivas roldas de prensa celebradas este xoves con referencias ao anuncio de Alcoa e expresando a súa solidariedade cos traballadores, aos que acompañarán nas súas mobilizacións. Villares apuntou que no caso de que se produza o peche das plantas En Marea reclamará que a multinacional devolva as subvencións recibidas para garantir a viabilidade das factorías e que, como lembrou, "non foron" empregadas na modernización das instalacións.

Así, avisou ante as "chantaxes" da empresa e urxiu aos Gobernos central e autonómico a "buscar solucións" para garantir os postos de traballo dunhas fábricas que, segundo Villares, "son viables". Nesta liña, avanzou que En Marea volverá levar ao Parlamento de Galicia e ás Cortes unha serie de iniciativas que buscan reformar a regulación do sistema eléctrico para a "estabilización da factura da luz", tanto para usuarios como para empresas. 

ANTÓN SÁNCHEZ

Pola súa banda, o viceportavoz parlamentario de En Marea e líder de Anova, Antón Sánchez, culpou da situación a "os gobernos do PP" por "conceder privilexios á empresa e ás eléctricas". "Nos últimos 20 anos permitiuse o espolio desta empresa e financiouse con fondos públicos que terminaron na conta de beneficios da empresa sen investir en melloras. E unha vez máis os traballadores son os prexudicados", remarcou Sánchez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta