En Marea condiciona o apoio aos Orzamentos do Estado a que plasmen as principais demandas de Galicia

Condiciona o apoio ás contas estatais a que a transferencia da AP-9, a condonación da débeda dos portos ou a recuperación do Pazo de Meirás estean "concretadas" nos orzamentos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2018 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, esixiu ao Goberno central que as súas demandas para Galicia como a transferencia da AP-9, a condonación da débeda dos portos ou a recuperación do Pazo de Meirás deben estar "concretadas" nos orzamentos do próximo ano para que os deputados no Congreso de En Marea apoien a aprobación dos PGE.

Luís Villares.
Luís Villares.

Así se expresou o portavoz rupturista nunha rolda de prensa celebrada este luns na que indicou que, para que o voto dos cinco parlamentarios sexa favorable, "non chega con prometer" senón que os puntos principais da denominada 'Axenda galega do cambio' deben figurar de maneira concreta nos Orzamentos Xerais do Estado.

O pasado mércores, a preguntas do actual portavoz de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, a ministra de Política Territorial e Función Pública, Meritxell Batet, asegurou na sesión de control que as prioridades da 'Axenda galega do cambio' coinciden coas do Goberno, polo que se comprometeu a impulsala.

Este xoves, Villares avisou que non é suficiente con "promesas" senón que estas han de estar reflectidas sobre o papel nos Orzamentos do próximo ano para que os deputados de En Marea, integrados no Grupo Confederal de Unidos Podemos, apoien ao Goberno á hora de sacar adiante as contas para 2019.

VOTO ROGADO

Por outra banda, o maxistrado lucense mostrouse moi crítico coa reforma electoral que recolle o acordo entre PSOE e Unidos Podemos para aprobar os orzamentos e que afecta o voto rogado, xa que, segundo Villares, "non ten en conta a realidade galega".

O portavoz de En Marea asegurou que, de prosperar esta reforma, quedarían sen dereito a voto os mariñeiros e mozos que abandonaron o país "no últimos dez anos".

En cambio, segundo Villares, flexibilizaríase de novo o sufraxio de "cuartas xeracións" de emigrantes "que mesmo perderon a nacionalidade", polo que cre que a reforma que se expón abriría a porta a que volva "a fraude electoral".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta