Máis diñeiro para o Xacobeo e redución de catro impostos nas contas da Xunta de 2019

Serán 9.850 millóns, un 3,8% máis que os do pasado ano. Feijóo destaca uns orzamentos "máis expansivos" e que se sitúan en niveis de 2010, pero sen superar os do bipartito. A Xunta anuncia unha suba para os empregados públicos e tamén para o turismo, pero estáncanse as partidas para cultura ou lingua.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 18/10/2018 | Actualizada ás 15:57

Comparte esta noticia

"Presentamos uns novos orzamentos expansivos co obxectivo de reforzar e consolidar a recuperación e conómica e non compremetela no futuro". Ata en tres ocasións repetiu esta frase o presidente da Xunta durante a presentación dos Orzamentos galegos para o 2019. Uns orzamentos que Núñez Feijóo insistiu en que abondan na recuperación económica que se iniciou en 2005. 

Núñez Feijóo e Valeriano Martínez, no Consello da Xunta. XUNTA
Núñez Feijóo e Valeriano Martínez, no Consello da Xunta. XUNTA

Por iso, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta suliñou que son "as mellores" contas desde 2010, xusto cando rematou o bipartito. Unha melloría que atribuíu ao crecemento nun 3,8%, o que supón 365 millóns máis con respecto ás contas do 2018, e a unha "máis eficiente" xestión dos recursos públicos, "algo que non fai o Goberno central", presumiu.

"A previsión que temos é que a economía siga crecendo máis que no estado e que siga baixando o desemprego", indicou Feijóo que destacou que estes orzamentos "expansivos" se fundamentan nunha menor débeda e nunha baixada de impostos. Tamén en máis diñeiro para emprego, innovación e, especialmente, unha nova partida específica para o Xacobeo 2021 de 7,25 millóns de euros. 

IMPOSTOS

Feijóo salientou que Galicia  leva dous anos baixando o endebedamento en relación co PIB e agarda manter esta senda no 2019 con unha baixa de xuros da débeda pública dun 2,6%. Tamén anunciou unha rebiaxa en catro impostos; no de transmisión de patrimonio no caso de compra de vivendas usadas. "Os galegos pagarán un 14% cando merquen unha vivenda usada", dixo. Tamén para familias numerosas, persoas con discapacidade e menores de 36 anos que terán baixadas dun 25% neste imposto.

Ademais, a Xunta anunciou que haberá rebaixas nas herdanzas entre irmáns no imposto de sucsións e o imposto de patrimonio volverá a baixar e situarse a índices semellantes aos que estaba en 2013. Finalmente, as contas do ano que ven recollen deducións fiscais para empresas de innovación. Unhas rebaixas que terán un impacto económico máis ben modesto. A Xunta estima que o aforro do imposto de transmisión será de entre oito e nove millóns e que o de ehrdanzas afectará a 4.000 persoas.

As prioridades do Executivo galego para o 2019 será os gastos sociais, que acaparan a metade do orzamento; o emprego, con subas dun 7%; as partidas para turismo e, específicamente, as do Xacobeo; a innovación e o emprendemento e o medio rural.  "Estes orzamentos teñen tres prioridades; o crecemento, os servizos públicos e as persoas", dixo Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda, durante a presentación.

EMPREGADOS PÚBLICOS

O presidente galego destacou tamén o investimento que se fará nos empregados públicos xa que as contas galegas de 2019 inclúen unha suba do 2,4% nas súas nóminas. Pero esta suba pode non ser executada porque está ligada a que haxa presupostos do Estado ou un decreto que posibilite ás comunidades este aumento.

Feijóo suliñou que se se este incremento súmase aos acordos cos sindicatos en educación, xustiza e sanidade a subida salarial é do 3,4%. Entre outras melloras para os empregados públicos increméntanse en dúas semanas os permisos de maternidade até 24 semanas, mentres se complementan até o 100% das retribucións durante incapacidade temporal.

Ademais, prevese o fomento da carreira profesional para "todos" os empregados públicos. A isto únese unha oferta de máis de 15.000 postos de traballo a través do plan de estabilidade laboral en execución entre 2017 e 2020.

LINGUA E CULTURA

Nestas contas destaca o baixo investimento en lingua e cultura e aumento das partidas destinadas a turismo. Así, o turismo terá unha partida de 64,1 millóns fronte aos seis que terá a promoción ou defensa da lingua galega ou os 4,5 que serán destinadas á mellora dos programas para o plurilingüismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta