Feijóo non ve "acoso inmobiliario" en Ourense e di que só se quería "recuperar un ben da comunidade"

O presidente da Xunta defende "o rigor e honorabilidade dos funcionarios" implicados, aínda que promete colaborar e que se "rectificará" se houbo algún erro.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/10/2018 | Actualizada ás 20:23

Comparte esta noticia

Manifestouno cando lle preguntaron polo feito de que o fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, interpuxese unha querela contra a secretaria xeral técnica e de Patrimonio da Consellería de Facenda, M.P.S.M.H. --no cargo desde 2012--, e contra o subdirector de Patrimonio da mesma Consellería, P.J.M.P. --no cargo desde 1998-- por un suposto delito de coaccións inmobiliarias no edificio da antiga Cámara da Propiedade Urbana de Ourense, situada na Avenida da Habana e de titularidade da Xunta de Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa. XUNTA DE GALICIA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Segundo sinala o representante do Ministerio Público no escrito, ambos os querellados, ante a situación de que o edificio xa sinalado "era só ocupado como arrendatarios" por dúas persoas --unha muller de avanzada idade e un home--, "entenderon que a Xunta había de recuperar a plena posesión" do mesmo "lanzando" aos inquilinos a través de "resortes legais" e "medidas de presión non lexítimas".

"Imos colaborar e estamos a disposición de calquera órgano xurisdiccional en Galicia, porque non pode ser doutro xeito; pero non se trata de recuperar un inmoble para altos cargos, senón para o patrimonio da comunidade, que é ben distinto. O subdirector de Patrimonio e a secretaria xeral tratan de recuperar un inmoble que entendemos que temos dereito a recuperar", defendeu.

Así mesmo, Feijóo sinalou tamén que "si hai servizo de limpeza e págase co diñeiro dos galegos". "E sobre o de que non había elevador, foi pechado pola empresa de inspección porque o clausurou; quixémolo contratar e reparar, e porase en marcha nos próximos días", dixo. Dito isto, reafirmouse en que os empregados públicos "traballan para recuperar un ben da comunidade e merecen un respecto".

"POR SUPOSTO QUE OS VOU DEFENDER"

Ante a insistencia dos xornalistas, sinalou que el non sabía que había un expediente sobre este asunto e esgrimiu que non é posible que el ou o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presente na rolda de prensa posterior á aprobación dos orzamentos de 2019, coñezan directamente cada expediente de recuperación de propiedade que se abre na Xunta.

"Pero coñezo aos funcionarios, traballei en Patrimonio da comunidade e sei perfectamente que os funcionarios da hoxe Secretaría Xeral Técnica teñen absoluto rigor nas súas decisións e son honorables. Por suposto que os vou a defender, porque non me parece aceptable que se diga que queren cometer delitos", advertiu. Finalmente, concluíu que el non sabe se a Administración puido "equivocarse en algo". "Rectificaremos se foi así, pero non houbo máis intencionalidade que recuperar un ben da comunidade", reafirmouse.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta