A dieta atlántica xera menos gases de efecto invernadoiro que a mediterránea

A pegada de carbono da dieta típica de Galicia e doutras comunidades europeas atlánticas é un 3% máis baixa que a mediterránea, ao producir menos emisións no proceso de produción, comercialización e consumo dos alimentos. Atópase entre as dietas menos contaminantes no mundo.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 21/10/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os nosos hábitos alimentarios teñen un custo ambiental significativo asociado co cultivo dos produtos, os procesos de fabricación, o envasado, a refrixeración, o transporte ou a xestión de residuos. A partir desta consideración, científicos do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago preguntáronse cales son as dietas que producen menos pegada de carbono (a totalidade de gases de efecto invernadoiro emitidos por efecto directo ou indirecto da súa produción, comercialización e consumo). E atoparon que a dieta atlántica é unha das máis sustentables no mundo, cunha pegada de carbono mesmo máis baixa que a mediterránea.

Dieta atlántica.
Dieta atlántica.

As nosas opcións dietéticas teñen un efecto non só sobre a nosa saúde, tamén sobre a sustentabilidade ambiental. E a dieta atlántica –típica de Galicia e doutras poboacións atlánticas europeas– reportou unha pegada de carbono lixeiramente menor que a dieta mediterránea española, ao redor dun 3% máis baixa.

Como se xustifica isto? Segundo os expertos, malia que ambas as dietas comparten a mesma filosofía con respecto ao consumo de froitas, verduras e aceite de oliva, a atlántica dá prioridade ao consumo de produtos locais, frescos e de tempada, o que se traduce nunha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

A dieta atlántica caracterízase polo consumo abundante de alimentos de orixe vexetal, así como produtos locais e frescos minimamente procesados (alimentos de tempada de orixe vexetal e animal), considerados como exemplo dunha dieta saudable. O consumo de carne (principalmente carne de res e porco) e ovos tamén é moderado. E o aceite de oliva constitúe a principal fonte de graxa. As principais diferenzas coa dieta mediterránea é o maior consumo de peixe, carnes vermellas, porco, leite, patacas, froitas e verduras

Para chegar ás súas conclusións, os científicos galegos realizaron unha revisión da literatura científica sobre diferentes opcións dietéticas para determinar as diferenzas na pegada de carbono e a calidade nutricional. Analizáronse en detalle 21 estudos revisados ​​por pares, o que permitiu a comparación de 66 escenarios dietéticos de todo o mundo.

Esa revisión permitiu constatar que tanto a dieta atlántica como a mediterránea presentan puntuacións nutricionais altas e pegadas de carbono baixas. Pola contra, as opcións dietéticas identificadas no norte e oeste de Europa, así como en Estados Unidos, teñen as pegadas de carbono máis altas, destacando a contribución dos produtos lácteos como unha fonte básica de proteínas e nutrientes de alta calidade, pero cunha alta pegada de carbono.

En xeral, as opcións dietéticas ricas en vexetais (por exemplo, veganas, vexetarianas e indias e peruanas) teñen un mellor perfil ambiental que as ricas en carne (principalmente carne de  ruminantes).

O estudo mostra que as dietas cunha alta valoración nutricional –como as dietas mediterráneas e atlánticas, e as vexetarianas– mostran un alto grao de sustentabilidade, é dicir, pegadas de carbono baixas. As dietas da India e Perú reportan as pegadas de carbonos máis baixas, principalmente debido á súa composición característica rica na alta inxesta de produtos vexetais como legumes, grans e vexetais, e pola baixa inxesta de produtos animais. As opcións dietéticas nos países do norte e oeste de Europa implican maiores pegadas de carbono, principalmente debido ao alto consumo de produtos lácteos. 

En liña con estes achados, os autores do estudo suxiren que os hábitos de consumo de carne de vacún, polo e outras aves de curral, a introdución de alimentos alternativos á proteína animal (por exemplo, a quinoa) e o consumo de aceite de oliva como fonte principal de aceite vexetal poden ser compatibles cunha dieta máis saudable e máis respectuosa co medio ambiente. 

O estudo, titulado 'Carbon footprint and nutritional quality of different human dietary choices', publicouse na revista científica Science of The Total Environment e está asinado por Sara González García, Xavier Esteve Llorens, Maria Teresa Moreira e Gumersindo Feijoo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta