Pediatras opóñense á decisión unilateral da Xunta de crear unha categoría profesional unificada

O colectivo médico denuncia que non foi nin consultado nin informado pola Consellería de Sanidade e alerta de que a medida do Goberno pon "en xaque" o modelo de pediatría que defenden. O Sergas responde que se trata dunha "medida estudiada nas distintas reunions mantidas coas sociedades pediátricas para paliar o deficit de especialistas".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/10/2018 | Actualizada ás 10:57

Comparte esta noticia

O proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia contempla na denominada lei de acompañamento unha disposición adicional baixo o epígrafe "facultativo especialista de pediatría de área". Unha medida que xerou gran malestar entre boa parte da comunidade de pediatras de tódalas áreas, que rexeitan a creación desta categoría profesional unificada.

Protesta en Coruxo (Vigo) pola falta de pediatra
Protesta en Coruxo (Vigo) pola falta de pediatra | Fonte: Miguel Núñez.

O propósito da Xunta é crear no Sergas unha categoría estatutaria de persoal facultativo especialista de pediatría de área para que preste servizos nos ámbitos funcionais de atención primaria e hospitalaria, dentro da demarcación territorial da correspondente área sanitaria. Figura que emerxe trala polémica polas denuncias de falta de pediatras nalgúns centros.

A medida adóptase unilateralmente e de forma opaca, sen consultar á comunidade de pediatras. Un grupo de máis de 250 especialistas en pediatría contactou con Galicia Confidencial para expresar a súa indignación ante esta medida, da cal, din, só tiveron coñecemento "pola prensa". É por isto que manifestan o seu "desgusto e total oposición á forma de xestionar e dar a coñecer dita proposta"

A creación da figura de "pediatra de área" conta co "total rexeitamento" destes pediatras, que están "convencidos" de que o proxecto da Xunta "porá en xaque" o modelo de pediatría que defenden e que "ofrece á poboación o mellor nivel asistencial posible". Segundo este colectivo, a medida da Xunta "repercutirá negativamente na atención dos nosos nenos".

"Amosamos o noso rexeitamento á creación desta categoría profesional unificada e emprazamos ás sociedades científicas e á Xunta de Galicia á convocatoria dunha reunión urxente para debater sobre este tema", comunican a través deste xornal.

Os pediatras aseguran que non foron nin consultados nin informados en ningún momento pola Consellería de Sanidade da medida que finalmente adoptou a Xunta, polo que piden ter "acceso ao documento" para "poder dar unha opinión máis clara e contundente".

"Polo momento, a Xunta non creu necesario que nós nin as sociedades que nos representan coñezamos ese documento", denuncian.

O colectivo deixa a "porta aberta" a negociar coa Xunta e chegar a un "consenso sobre o modelo de organización da pediatría en Galicia".

Tanto a Sociedade de Pediatría de Galicia como a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria expresan a súa oposición a esta medida da Xunta e o seu malestar por terse enterado desta medida a través dos medios de comunicación.

RESPOSTA DO SERGAS

Ante as críticas, o Sergas respondeu que se trata dunha "medida estudiada nas distintas reunions mantidas coas sociedades pediátricas para paliar o deficit de especialistas pediátricos", negando así que non se informase o colectivo. E anuncia que este luns se realizará unha reunión coas sociedades para abordar o desenvolvemento da norma.

Para a Consellería de Sanidade, a medida "permitirá mellorar non só a disponibilidade de pediatras, senón tamén ampliar a cobertura dentro dunha mesma área". Neste sentido, a Xunta cre que "a flexibilidade da nova categoría permitirá perfilar plazas máis especializadas que responderán as necesidades reais dos usuarios".

O Sergas defende que "a actual compartimentación entre profesionais ten que dar paso a unha atención coordinada entre profesionais de primaria e hospitalaria."

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta