A Xunta xustifica tres anos de atrasos na apertura dunha gardería por “remodelacións moi delicadas”

A conselleira defende que se traballa para liquidar os problemas pendentes. A gardaría compostelá de Santa Susana abre con 36 das súas 82 prazas ocupadas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/10/2018 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

A escola infantil de Santa Susana, que empezou a funcionar o luns da semana pasada tras tres anos de atrasos nas obras de rehabilitación do edificio que a alberga, arrinca con 36 das súas 82 prazas ocupadas. Levaba pechada desde o curso 2015-2016 e estaba previsto que abrise as súas portas en setembro. Pero, segundo a Xunta, o valor histórico do inmoble, de 1909, levou uns traballos de remodelación "moi delicados".

Pais pedindo explicacións polos atrasos da gardaría de Santa Susana, en Santiago de Compostela
Pais pedindo explicacións polos atrasos da gardaría de Santa Susana, en Santiago de Compostela | Fonte: change.org

Explicouno a conselleira de Política Social, Fabiola García, quen realizou unha visita á gardaría acompañada por outros cargos da Xunta e tamén do concelleiro compostelán de Educación e Cidadanía, Manuel Deus, entre outras autoridades, e puido ver as instalacións e coñecer ao persoal da gardaría.

En declaracións aos medios, a conselleira incidiu en que a Xunta "sempre estará á beira dos pais" para ofrecer "os mellores servizos", co obxectivo de optimizar a conciliación "dando máis oportunidades reais" que a fagan "efectiva" e garantindo así "a tranquilidade" das familias. Ao tempo, destacou a importancia de que presten os servizos un persoal "cualificado" e concretou que, no caso da escola infantil de Santa Susana, investiuse na remodelación máis dun millón de euros.

ATRASOS

Así mesmo, consciente dos atrasos, referiuse ás "características" específicas do inmoble que alberga a gardaría, situado "no enclave privilexiado" da Alameda de Santiago e que data de 1909. Este feito levou, remarcou, "uns traballos moi delicados e rigorosos". "O resultado hoxe está á vista de todos. O importante é que se empeza a encher de nenos, que lle dan vida", esgrimiu, antes de pór o acento no obxectivo da Xunta de seguir incrementando as prazas públicas de escolas infantís.

Con todo, os traballos para a remodelación desta escola comezaron hai poucos meses e tras as protestas dos pais que mesmo chegaron a activar unha petición en Change.org.

PROBLEMAS COA APERTURA

Preguntada por algúns problemas que constataron os pais no arranque do centro --hai queixas por que non funciona o gas e pola falta de espazo para deixar os carros dos bebés--, a conselleira defendeu que se traballa para liquidar todas as dificultades pendentes e volveu a salientar o investimento realizado de 1 millón de euros.

Cun horario de 8,00 a 18,00 horas, a día de hoxe están cubertas 36 das 82 prazas do centro. As vacantes poderán ocuparse cos nenos que nazan de aquí até final de ano e tamén se poderán formalizar solicitudes de traslado. De feito, Fabiola García animou" ás familias a levar aos seus fillos a este centro para que poidan "gozar da Alameda de Santiago".

COLABORACIÓN INSTITUCIONAL

Pola súa banda, o concelleiro Manuel Deus agradeceu a "colaboración" da Xunta para a posta en marcha deste centro e fixo fincapé na importancia da cooperación institucional para activar este tipo de servizos que benefician ao cidadán. Destacou a rede de escolas infantís de Santiago e celebrou que se optou por "recuperar e rehabilitar" un edificio que ten "unha importante significación" para a capital galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta