A Xunta insiste en que Alcoa continúe recibindo enerxía barata para solventar a súa marcha

Pídelle ao Goberno central que concrete o sistema de interrumpibilidade para 2019 como "comezo da solución".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2018 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, pediulle ao Goberno central que "ten que dar respostas concretas" sobre o marco de interrumpibilidade --sistema de poxas que permite que as empresas que máis electricidade consomen reciban unha retribución a cambio da súa dispoñibilidade para desconectarse da rede en casos de emerxencia-- para este ano e 2019 como "o primeiro paso" do Executivo de Pedro Sánchez para "comezar a solucionar" o conflito en Alcoa.

Francisco Conde
Francisco Conde | Fonte: Europa Press

Conde considera que "para poder establecer un marco de negociación" Alcoa "debe de retirar o ERE" e o Goberno aclarar o sistema de interrumpibilidade, pois ese "é o comezo das negociacións e da solución para que Alcoa poida ter esa actividade industrial". Afirmouno este martes en Santiago a preguntas da prensa após participar na presentación da primeira incubadora de empresas especializada en biotecnoloxía en Galicia.

"Imos tentar concretar o que tanto Alcoa como o Goberno teñen para dar unha solución á situación e á continuidade da actividade empresarial", apuntou o conselleiro en relación á reunión deste martes en Madrid entre Xunta, Principado de Asturias, compañía e traballadores logo do anuncio da multinacional do peche das plantas da Coruña e Avilés --que contan con preto de 700 traballadores--.

Por iso, remarca que "o Goberno ten as competencias en materia de política enerxética", mentres que a empresa ten unha traxectoria en Galicia cun "compromiso claro adquirido cos propios traballadores e a Comunidade", polo que agarda que se poña sobre a mesa un marco eléctrico que dote á compañía das "garantías para a continuidade da súa actividade".

"Durante estes anos sempre houbo un acordo entre o Goberno e Alcoa para dar continuidade á actividade industrial e durante todos estes anos sempre foi quen de establecer ese marco eléctrico que caracterizase o acceso a un prezo competitivo á enerxía", lembra. "Non vemos que haxa ningún cambio que nos faga pensar que non se pode alcanzar ese acordo", agrega.

Neste sentido, incide no "obxectivo moi claro" para defender os postos de traballo e a actividade industrial, á vez que resalta a "alianza" con Asturias para este fin.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta