Por E.P. | A CORUÑA | 23/10/2018 | Actualizada ás 15:25
O goberno coruñés sinalou á "boa intención" para xustificar que o concurso promovido para contratar o Espazo Diverso incluíse a "discriminación positiva" do colectivo LGTBQI na contratación de acordo coas cláusulas de adxudicación para prestar este servizo.
Ademais, anunciou que iniciará un proceso de contratación por trámite de urxencia despois de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia anulase, segundo publica 'La Voz de Galicia', o concurso, destinado a crear un espazo municipal para as diversidades sexuais e identidades de xénero.
O tribunal adoptou a decisión despois dun recurso da Asociación Galega para a Saúde Sexual, unha das entidades que optaba ao concurso, segundo confirmaron fontes municipais.No seu recurso, alegaba que non hai un marco legal que apoie a "discriminación positiva" por orientación sexual na contratación de persoas LGTBQI por parte da adxudicataria deste servizo.
"BOA INTENCIÓN"
"O Concello está en trámites para axustarse ao tribunal", explicaron fontes municipais. Así, sinalaron que agora se iniciará un proceso de contratación pola vía de urxencia "para ofrecer un servizo integral ao colectivo LGTBQI desde o Espazo Diverso". Tamén insistiron na vontade de adxudicar "canto antes" un servizo promovido pola Concellaría de Igualdade.
Preguntada pola decisión do Tribunal Administrativo de Contratación Pública, coincidindo coa rolda de prensa que ofreceu para informar da posta en marcha do Consello Local de Saúde, a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, manifestou que "se tentou facer con toda a boa intención esa discriminación positiva".
"Respondéronnos que non cabe porque non ten marco xurídico e non pasa nada", engadiu, restándolle importancia á decisión e subliñando que o concurso con ese criterio "estaba a realizarse coa mellor das intencións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.