Luis Villares: "Eu farei todo polas bases e nada sen as bases"

"Ningún notable nin organización lle debe dar indicacións a ninguén do que ten que facer", apunta o portavoz parlamentario de En Marea nesta entrevista na que fala do Plenario que se celebrará este sábado. Villares é optimista, conta coa reelección das candidaturas rupturistas que gobernan actualmente e espera que outras sexan parte de novos gobernos locais.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Cal é a conclusión que lle dá aos datos do CIS sobre a intención de voto e simpatía a En Marea?
As enquisas hai que tomalas coa prudencia do momento en que se fan. A que vale é a enquisa dos cidadáns o día das eleccións. Pero creo que os datos e os signos revelan nos últimos anos que a xente quere votar En Marea, que existe un espazo sociolóxico que se sente reflectido en nós. Buscamos pois ampliar ese espazo de confianza, pero os datos non ofrecen nin aproximación de resultados. Pero esta enquisa por si soa non pode resultarnos complacente ou satisfactoria, temos que multiplicar a confianza. Tamén é certo que estamos nun momento delicado onde hai un efecto de poder co cambio de Goberno ao PSOE, no que foi determinante En Marea. Agora iso vese con alivio, a xente quería desprazar o PP do Goberno, pero agora tócanos a nós demostrarlle á sociedade galega que ese apoio ao PSOE ten unha substantividade na propia En Marea. Entón que a axenda de cambio galega vai ser determinante na axenda de cambio do PSOE. Tamén creo que hai unha parte coxuntural nese resultado que hai que vela nese sentido. Se se fixese esta enquisa en febreiro, o resultado vai dar unha visión positiva desde a xente de cal foi o traballo de En Marea por exemplo cos orzamentos.

Luis Villares
Luis Villares | Fonte: E.P.

"Os signos revelan que a xente quere votar En Marea"

-O sábado que vén, día 27 de outubro, plenario de En Marea. Como ve o debate sobre as teses que dirixirán o espazo nos vindeiros meses?
Espero que sexa positivo para podermos achegar ideas e afortalar o espazo internamente. E sobre todo, para gañar confianza social. Non estamos aquí para nós mesmos, senón para solucionar os problemas á xente. Por iso preguntamos como solucionar eses problemas. Imos debater dúas teses. Unha sobre as eleccións europeas, porque é a primeira vez que En Marea concorre como forza a estes comicios, por tanto queremos debater con quen imos, como imos e os principios que compartimos con quen imos. Logo tamén a análise da situación política do Estado, sobre todo por construir en positivo. Quero destacar que as teses foron construidas polas persoas inscritas. Lanzamos unhas preguntas pero as ideas forza foron decantadas nun proceso de participación previo hai un mes. O Consello das Mareas realizárono as bases. Non creo que haxa un espazo político tan aberto e construido desde as bases como este. Na outra parte do plenario, a rendición de contas, todos e todas temos que render contas aos inscritos. Ningún responsable está sobre eles. Logo temos que aprobar o regulamento para as eleccións internas do mes que vén para unha nova dirección.

"Non creo que haxa un espazo político tan aberto como este"

-Recemente afirmou que seguiría no proxecto ata que quixese a xente, pero renunciaría sen que llo pedisen as bases no caso de ser necesario para o proxecto?
Non podo imaxinar que sexa necesario para o proxecto sen que o decidan as bases. Entón eu farei todo polas bases e nada sen as bases. Ningún notable nin organización lle debe dar indicacións a ninguén do que ten que facer, esas indicacións só poden vir das persoas inscritas e eu só me debo á xente inscrita. Eu estou ilusionado porque o que vin facer á política está por acadar e unha trasformación completa do noso país. A día de hoxe temos a Feijóo que non nos deixa despegar como país e con alta inxustiza social, e mentres isto sexa así haberá que seguir pelexando. O paso na política é temporal.

-Feijóo está en punto final ou punto á parte?
Está en punto final porque o seu fracaso político vital escenificouse hai tres meses cando renunciou á carreira sucesoria. Había moito tempo que se lle viña notando e non hai outra explicación política para a mansedume que tivo cos anos de goberno de Rajoy. Non esquezamos que durante a maioría absoluta do PP en Madrid, Feijóo tiña que ser o neno mimado de Rajoy porque Galicia era a excepción dun estado español convulso, segundo dicía el. Iso non lle valeu a Galicia para ter un avance significativo e por tanto a  maioría absoluta de Feijóo foi ruinosa para os galegos e as galegas. Ese condenar a Galicia foi pola aspiración de ir a Madrid de Feijóo, por tanto o vivido en xuño foi o fracaso persoal do seu proxecto político. Se me preguntas se quero que se presente ás eleccións de 2020, diría que si, porque creo que nos merecemos derrotar politicamente a Feijóo, o que pasou en 2005 con Fraga, Feijóo merece ser derrotado nas urnas.

"Temos a Feijóo que non nos deixa despegar como país e con alta inxustiza social"

-Entendo que para vostede En Marea está máis que preparada para as eleccións locais e europeas.
Desde logo. A nosa especialidade é o municipalismo, está demostrado desde o ano 2015, cunha precariedade maior a nivel organizativo e político, fomos tecendo espazos municipais autorganizados que logo teceron o proxecto En Marea. Catro anos despois estou en condicións de dicir que os resultados serán moito mellores porque imos merecer a confianza de xente que vai ter a oportunidade de confirmar a nosa xestión. Iso demostra que se poden facer as cousas doutra maneira, a xente non estaba afeita que unha grande cidade se pode gobernar sen corruptelas e con transparencia e que con moi pouco se pode facer moito. Sobre todo, se tiñas en conta se adicabas ese pouco ao prioritario. E o prioritario é a xente e faremos o posible para que as persoas deixen de sufrir. Iso fíxose aínda que nos dicían que non había competencias e outras trabas, pero fíxose.

-Conta con que repitan as actuais candidaturas que gobernas algunhas alcaldías, pero sería posible unha maior presenza de candidaturas rupturistas en Vigou, Ourense, Lugo e Pontevedra?
Creo que si, a nivel de proxecto nacional, as mareas seguen avanzando no país. Hoxe en día poderemos presentar 150 candidaturas. Hai unha demanda social de mareas, e creo tamén que iso terá unha correspondencia nas cidades onde ata o de agora non tivemos ocasión de gobernar. Agora que se veu a oposición que facemos, pois en vez de oposición fomos forza de proposición, a xente de Lugo Novo e Marea de Vigo terá a nosa confianza e eu confío que sexa así.

-As municipais serán o barómetro que mida a presenza de En Marea para as autonómicas e as xerais?
Aínda que a cidadanía en Galicia sabe distinguir os procesos, non teño dúbida en que uns comicios representan o estado de opinión sobre as mareas. Se a xente pensa que somos unha forza seria hai unha correlación entre as mareas e a cidadanía. Pero avanzar nas municipais é un escenario clave de cara as eleccións autonómicas.

-Existen preferencias para facer pactos?
Nós dixémolo hai quince días, é necesario un novo contrato social, algo que lanzamos a toda a cidadanía. Pensamos primeiro nas pesoas que validaron a nosa confianza, pero tamén hai xente disgustada logo de votar PP e agora buscan alternativas e tamén persoas decepcionadas con outras forzas. A idea forza da nosa mensaxe é que a xente vexa que somos capaces de entendernos con outras forzas. O antagonismo en Galicia segue sendo o goberno do PP e por tanto a cidadanía ten que saber que nós imos favorecer alternativas ao PP, e dicímolo nós que somos a segunda forza política. Gustaríamos de liderar ese cambio, pero sabemos que a sociedade é plural e diversa, por tanto é lexítimo votar a forzas de progreso coas que temos moito en común. Estamos dispostos a ser xenerosos e cooperativos para poñer en común o que nos une para agrandar os dereitos da xente. O discurso que facemos no Parlamento é válido para o escenario municipal.

-Que o BNG non estea na Comisión do Congreso para a transferencia da AP 9 non xoga en contra das posibilidades de alianzas?
As regras das comisións márcaas a Constitución española que limita a tres persoas as que poden integrar esa comisión como máximo. Desde En Marea dixemos que estabamos dispostos a buscar alternativas a iso con fórmulas legais, para a defensa da nosa posición non lle resta valores á posición. A cuestión é que nos gustaría que puidese estar o BNG e xa o dixemos desde o comezo. Hai unha limitación constitucional, se me gusta? Non. Se quero cambiala? Si. Podo facer algo mentres? Non. Temos en conta que as persoas que votaron En Marea queiran que esta forza estea representada, pero desexo transmitir que En Marea reclamamos para o público a incorporación da AP 9. E os cartos para facelo poden saír da construción da A 57, e iso ningunha outra forza o dixo.

"A incorporación ao público da AP 9 pode facerse cos cartos que se gastan na A 57"

-Se En Marea acadase unha representación que lle permitise liderar un goberno galego, sen ter a maioría absoluta, teme que haxa piza PP-PSOE para evitalo?
Non o vexo en absoluto. É un escenario suicida para o PSdeG, por tanto non a vexo.

-Como xuíz, cal é a súa opinión sobre a sentencia que afecta aos impostos de hipotecas e a reacción posterior?
A sentencia está moi ben fundamentada. É evidente que os gastos de escritura para levar a público o contrato é algo que só beneficiaba a unha das partes. Por tanto, non podía establecer unha obrigatoriedade para comprador, senón que tiña que ser para o vendedor. Penso que está ben anulada. Resultou moi sorprendente e moi inquietante para a percepción social que hai sobre o poder xudicial, que o presidente da Sala Terceira, fixese esa advocación a pleno para discutir cal ten que ser o alcance da sentencia. O alcance é moi claro, que se anulou o regulamento e por tanto hai xente que lle deberán devolver os cartos, porque o regulamento é nulo de pleno dereito. Hai que darlle un tratamento como se nunca tivese existido. Calquera tentación por parte do presidente de tentar reducir os efectos dese alcance, é unha tentación que debería caer en saco roto. Pero a min inquietoume esa manobra tan torpe socabando a imaxe de independencia que ten que ter o poder xudicial. Sobre todo hai que ter en conta que é unha sentencia moi valente, porque o Tribunal Supremo era consciente das consencuencias económicas. Pero o que estaba facendo o Tribunal Supremo era repoñer unha situación de inxustiza. Por tanto púxose en evidencia un abuso da banca. Así que a banca non debera ir onda os xuíces para que lles quiten as castañas do lume, porque no fondo ao que imos é un segundo ou terceiro rescate da banca, quen abusou da súa posición con respecto dos cidadáns. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta