Acreativa Screen, un espazo para o audiovisual e a experimentación musical

Este proxecto inclúe a presentación do documental Omega, un concerto de Soleá Morente e Napoleón Solo e o proxecto «Cinemix».

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 29/10/2018 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

Acreativa Screen encherá A Coruña de creacións audiovisuais e experimentacións musicais. Será o vindeiro 9 de novembro dentro da última das tres cápsulas que conforman o festival de novas tendencias e vangardas culturais Acreativa, organizado por Afundación, a Obra Social de ABANCA.

Anterior edición de Acreativa
Anterior edición de Acreativa | Fonte: Afundación

Acreativa Screen é un punto de encontro entre o audiovisual e a música, un espazo para o cinema, os documentais e proxeccións audiovisuais influenciadas ou conceptualizadas desde a experiencia musical. As entradas para estas propostas pódense adquirir na web Ataquilla.com

A primeira actividade no marco desta cápsula será o 9 de novembro coa presentación, a cargo de Fernando Vacas e Soleá Morente, do documental Omega sobre o disco de flamenco-rock do mesmo nome de Enrique Morente xunto ao grupo Lagartija Nick. Un traballo revolucionario no que Morente adaptou temas de Leonard Cohen e puxo música a poemas de Federico García-Lorca. Será a partir das 20.00 h.

Despois da proxección, ás 22.00 h, Soleá Morente e Napoleón Solo ofrecerán un concerto no que presentarán o seu disco OleLorelei, un traballo que combina diferentes estilos, viaxando desde o funk con aires de Serge Gainsbourg e Jane Birkin, ao setenteiro R&B ou o trap, atopando sempre novas rutas ao flamenco. 

A seguinte proposta será o 10 de novembro con «Cinemix», proxecto audiovisual no que músicos desenvolven unha nova banda sonora para unha película e interprétana en directo mentres se proxecta en pantalla. Nesta ocasión a película será The Hill e a actuación correrá a cargo do dúo experimental Elle Belga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta