Que vai pasar cos armadores e mariñeiros galegos no Reino Unido tras o Brexit?

As empresas pesqueiras de capital galego pero con bandeira británica están espectantes. As negociacións do Brexit entre o Reino Unido e a Unión Europea poderían afectar a case dúas mil persoas que viven do mar grazas a estas empresas. De momento ninguén quere apostar nada, a situación é de absoluta incerteza. Por iso non hai quen diga algo sobre seguro.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Reino Unido e máis a República de Irlanda compartillan a pesca do caladoiro chamado Gran Sol xunto con outras nacións. Ata o ano 1978 os barcos españois, sobre todo galegos, faenaban nesa zona sen ningunha restricción, pero as negociacións coa daquela Comunidade Económica Europea, (CEE) e as presións dos gobernos das Illas Británicas, fixeron que a flota galega tivese que retirarse desa área peláxica. Os motivos? O medo das flotas europeas a ver reducidas as capturas coa presenza do que chamaban ironicamente “armada invencible” pesqueira.

Barco pesqueiro no Atlántico Norte
Barco pesqueiro no Atlántico Norte | Fonte: USC.

Entrar na Unión europea fixo tremer de medo aso británicos e irlandeses. Os primeiros, con Margaret Thatcher de primeira ministra, quixeron impedir por todos os medios a chegada de buques españois aos seus portos. Cambiouse a lei, as empresas pesqueiras terían que ter sede fiscal no Reino Unido se querían traballar nas súas augas. Daquela, armadores de Coruña, Vigo, Cangas do Morrazo e do norte galego como Celeiro e Burela, abriron sociedades en territorio británico.

A SITUACIÓN ESTÁ NO AIRE

En total 60 barcos estarían afectados pola saída de Londres da UE. Afectaría a 1.800-2.000 mariñeiros que non saben cal é o futuro que lles espera. A situación de incerteza é preocupante debido á posible postura intransixente dos británicos de quereren recuperar “totalmente” a actividade pesqueira que, internamente, pensan lles rouban os barcos estranxeiros. Esa “sensación  británica” de que os seus caladoiros están a ser esquilmados por buques foráneos chámanlle “quota-hopping”. Os armadores e empresas británicas estarían presionando ao goberno de Theresa May para unha total expulsión destes pesqueiros non británicos.

“En principio esas empresas son británicas porque teñen identidade xurídica británica e nun primeiro momento non terían por que verse afectadas” di Mercedes Rodríguez Moreda, directora xeral de Pesca da Consellería de Mar. Rodríguez Moreda está tamén expectante diante do que poda suceder, “porque oxalá soubésemos que vai pasar”. Non obstante, a incógnita estaría en, sendo esas empresas de capital galego pero xuridicamente británicas e os seus barcos, operativos baixo bandeira británica, poderían faenar en augas da UE? É dicir, sendo británicas, estas empresas ao mellor non poderían pescar en augas como por exemplo, as irlandesas ou francesas, as que máis perto están.

Tampouco hai que esquecer a flota que pesca nas Malvinas. O arquipélago de soberanía británica no Atlántico Sur tamén é zona de pesca para barcos galegos de bandeira británica. “A situación está nunha fase moi inicial, pero esperemos que isto cambie en breve” sentenza Rodríguez Moreda. “Desde a Consellería e a Xunta estamos poñendo todos os medios para coordinarnos coa Administración central para chegar a Bruxelas e saber cal é a nosa situación e sobre todo, non permitir que a pesca sexa unha moeda de cambio no conxunto do Brexit”.

Sobre as posicións que manteñen os dous negociadores Rodríguez Moreda apunta “que os dous están defendendo as súas posicións e vemos que a UE ten un amplo coñecemento sobre o tema pesca e unha sensibilidade por esta actividade, pero nun momento relativamente inicial das negociacións, ninguén quere demostrar moitas opcións”. Sobre se hai alternativas para as empresas de armadores galegos no caso de non poderen traballar en augas británicas “iso é algo que está moi lonxe, pero insisto que ao seren empresas de nacionalidade británica non existe problema en principio”.

A INDUSTRIA

O peso das importacións pesqueiras desde o Reino Unido a Galicia é importante, un 27% que inclúen todo tipo de pesca. Aínda máis, o 2,7% do PIB galego depende da pesca e unha boa parte do tecido económico podería verse afectado por unha saída “dura” para o Brexit. Se traducimos en cifras, a Fundación Galicia-Europa ofreceu un informe elaborado para coñecer o impacto da saída británica da UE. Nese documento cifraron en 250 millóns de euros o peso das primeiras vendas de pesca dos buques que faenan nas condicións de empresas mixtas.

Galicia Confidencial púxose en contacto con asociacións de armadores, pero ningunha quixo manifestar o seu parecer sobre o tema que estamos tratando. En tal caso, o mesmo que coas administracións públicas, existe un clima de incerteza que os pon nunha situación de espera incómoda. Con todo, esperan que as consecuencias do Brexit non sexan duras dado que a dependencia da pesca en Galicia é moi importante.

As estimacións por tanto están no aire. Mentres as súas partes non cheguen a un acordo, e as negociacións parecen non avanzar, armadores e mariñeiros seguen traballando mentres esperan unha solución. Non obstante, tal e como di a directora xeral de Pesca, o risco debería ser mínimo por seren empresas legalmente británicas. Outra cousa é como acaben as negociacións e as consencuencias que saian delas. De momento, todo está no aire.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta