Valentín González Formoso pide que as primarias do PSOE para as municipais non se convertan nunha "lameira"

O presidente do PSdeG na provincia da Coruña avisa que os resultados das municipais serán "claves" para afrontar as autonómicas de 2020.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2018 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

O presidente provincial do PsdeG na Coruña, Valentín González Formoso, defende que o número de aspirantes, que se presentaron tanto na cidade herculina como en Ferrol ás primarias das que sairán os candidatos para as municipais de 2019, é algo positivo, un síntoma "de que hai vida", pero pide que o proceso non se converta "nun campo de batalla" nin nunha "lameira" que acabe prexudicando as perspectivas electorais do partido.

Valentín González Formoso, en entrevista en Radio Galicia Cadea Ser. RADIO GALICIA CADENA SER
Valentín González Formoso, en entrevista en Radio Galicia Cadea Ser. RADIO GALICIA CADENA SER | Fonte: Europa Press

En entrevista na Cadena Ser,  o que tamén é presidente da Deputación da Coruña, minimiza as posibles "tensións internas", porque "todos os partidos teñen as súas historias", pero si recoñece que as primarias son "procesos reais nos que a xente confronta proxectos e liderados" e que, por tanto, "xeran tensións".

Precisamente por isto, insta a que se actúe con "intelixencia": "A demostración de intelixencia é que recorrer ao proceso máis difícil de elección de candidato -as primarias-- non se converta nun campo de batalla, nunha lameira para ferir as perspectivas electorais dun partido". Neste punto, Valentín González Formoso advirte que os resultados nos comicios municipais de 2019 serán determinantes de cara ás aspiracións futuras do PSOE, tanto a nivel nacional como autonómico.

ELECCIÓNS MUNICIPAIS, "A PEZA CLAVE" PARA AS AUTONÓMICAS

"O que vai facer variar son as nosas posibilidades de que a socialdemocracia goberne Galicia, iso está claro, que a peza municipal é clave para gobernar outras institucións, se non somos capaces de ter pés fortes pegados ao chan e se  temos pés de barro, dificilmente as nosas cotas de goberno a nivel autonómico ou estatal serán alcanzables", remarca.

En todo caso, "confía" en que o PSOE obteña bos resultados nos comicios municipais a nivel galego, pero tamén na provincia coruñesa, que lle permitan revalidar á fronte da Deputación. Cre que será posible grazas ao "traballo" desenvolvido nos distintos concellos, como ao "novo aire progresista que inunda España", como á actual xestión provincial, que demostrou que "se poden facer as cousas de forma máis obxectiva, máis transparente e máis moderna".

REXURDIMENTO DO PSOE

González Formoso ve ao PSOE está nunha época de rexurdimento, cun "proxecto moi diferenciado" e que deixa atrás unha etapa onde "a xente estaba confusa porque quizais a mensaxe socialista tamén o era". Refírese así a cuestións como a modificación da Constitución baixo mandato de José Luís Rodríguez Zapatero ou á conxelación das pensións.

Con todo, alega que "esa etapa mudou" coa chegada de Pedro Sánchez, un "presidente que ten a etiqueta de progresista, de socialdemócrata" e que "inquieta" a outras forzas que apareceron ao amparo dun escenario no que o "PSOE despistaba ao voto progresista". No entanto, insta a non acomodarse polo "vento de cola" do PSOE nacional, en especial, nunhas eleccións municipais nas que os cidadáns tamén "xulgan" segundo quen se presente, a nivel persoal.

"Nas municipais pregúntase de que familia é, se vive no municipio ou non, a que se dedica, que fixo", expón, para defender a continuación que se trata "dunha experiencia pola que tería que pasar obrigatoriamente calquera político que pretenda xestionar instancias superiores a nivel autonómico, estatal ou europeo". Para o alcalde das Pontes desde 2007 "mirar á cara aos teus veciños" ao aprobar medidas políticas "faiche ser máis realista, máis prudente e cunha política apegada ao cidadán".

CANDIDATOS SOCIALISTAS NA CORUÑA, FERROL E SANTIAGO

Valentín González Formoso recoñece que o feito de que algúns dos precandidatos na Coruña e Ferrol non sexan moi coñecidos pode supor un hándicap aínda que defende que se trata de persoas con actividade en distintos ámbitos que tamén pode ser recoñecida polos cidadáns. No polo oposto sitúase o candidato de Santiago de Compostela. Neste caso, o período de presentación de candidaturas para as primarias finalizou co acordo que suporá o regreso á primeira fila política de Xosé Sánchez Bugallo, rexedor desde 1998 até 2011, como candidato do PSOE.

A pesar de que Bugallo avanzou que a súa intención é presentarse só para un mandato, Valentín González Formoso entende que "é unha aposta de futuro" e reivindica que, en todo caso, "4 anos" para unha persoa coa súa "experiencia", é tempo suficiente para transformar unha cidade que "deixou de soñar" e na que poderá retomar "proxectos que retardou a crise". É "un dos alcaldes que fixo a cidade que hoxe teñen con orgullo".

Preguntado pola precipitada decisión da executiva galega do PsdeG de simultanear a elección do candidato ás eleccións galegas co de primarias, nun proceso que acabou coa confirmación do secretario xeral Gonzalo Caballero como candidato á Xunta, Valentín González Formoso limítase a asegurar que "é un paso lóxico" e que supón "despexar unha incógnita que non ten máis transcendencia".

"OPTIMISTA" SOBRE O FUTURO DE ALCOA

Por outra banda, o presidente do PsdeG na Coruña móstrase "optimista" sobre a posibilidade de que a multinacional norteamericana Alcoa non peche a súa fábrica de aluminio na Coruña, a pesar do ERE extintivo anunciado, porque ve ao Ministerio de Industria "hiperactivo" e que se está "movendo con contundencia" tanto ante esta cuestión como á outra "bomba de reloxaría" coa que se atopou nos seus "primeiros cen días", a ameaza de peche de Vestas en León.

Atribúe os posibles peches de Alcoa na Coruña e Asturias ao "socaire dunha política enerxética errática das últimas décadas", que provoca que España teña das tarifas enerxéticas máis caras de Europa, e mostra a súa preocupación ante o futuro doutro "elenco de empresas electrointensivas" se non se lles "dá solución". "Estou convencido de que o Goberno do Estado e a Xunta chegarán a acordos para que as instalacións fabrís teñan futuro", afirma.

PAZO DE MEIRÁS

Valentín González Formoso manifesta estar "convencido" de que o Pazo de Meirás, residencia de verán de Franco desde 1938 e en mans dos seus herdeiros, poderá ser recuperado para patrimonio público e cre que "calquera outra alternativa tería o rexeitamento unánime de institucións e cidadanía en Galicia".

Para iso, defende a conclusión da Comisión de Expertos que impulsou a Deputación da Coruña e que orienta cara á presentación dunha demanda xudicial, en base a que o edificio foi utilizado como residencia por un Xefe de Estado e que por tanto, pertence ao Estado. "Hai argumentos xurídicos para que iso sexa así e non se nos pase pola cabeza outra transmisión que non sexa para o público", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta