A vida de Sito Miñanco: tabaco, mulleres, fillos e residencias en hoteis

O histórico narcotraficante acusa aos medios de falsear a súa vida e insiste en que el nunca tomou "ningunha decisión" sobre o contrabando e apunta a súa exmuller e a súa excuñada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2018 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

O histórico narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, rexeitou este luns a acusación que se lle imputa por un suposto delito de branqueo de capitais e desmarcouse dos negocios da súa exmuller e a súa excuñada.

Coinciden en Pontevedra a celebración dos xuízos a Sito Miñanco e Miguel Ro. JESÚS FERNÁNDEZ/EUROPA PRESS / Europa Press
Coinciden en Pontevedra a celebración dos xuízos a Sito Miñanco e Miguel Ro. JESÚS FERNÁNDEZ/EUROPA PRESS / Europa Press

"Se está a miña firma alí, fun eu; pero sería por orde da miña cuñada e os seus socios", esgrimiu, nunha declaración na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra, que retomou este luns o xuízo contra Sito Miñanco, a súa exmuller, a súa excuñada, a súa filla e un empresario.

O tribunal optou por diferir á sentenza a resolución das cuestións previas expostas polos avogados da defensa na primeira sesión do xoves, precisando que non se vulneraron os dereitos dos procesados e que "non se aprecia indefensión" en ningún dos casos. Os letrados expresaron a súa protesta por esta decisión.

Sito Miñanco explicou que vivía en Bélxica nos anos nos que supostamente se produciron os feitos polos que está a ser xulgado. Traballaba nunha empresa dedicada á comercialización de tabaco para a súa venda en África, máis tarde dedicouse á "importación e exportación de roupas e xéneros".

"Até o ano 91 non toquei nada que non fose tabaco", asegurou Sito Miñanco. "O que pasa é que os xornalistas, a maioría, non contrastan as noticias", agregou en referencia a algunhas informacións que o vinculan a outras actividades. Así mesmo, recoñeceu que viaxaba con frecuencia a Galicia porque o seu pai estaba "en fase terminal" e engadiu que, naquel momento, xa non tiña relación coa súa entón esposa, a tamén acusada, María Rosa.

"A RELACIÓN COA MIÑA EX ERA INEXISTENTE"

Prado Bugallo explicou que a relación coa súa ex era "inexistente" desde o ano 1982. "En realidade desde antes, desde que morreu o meu cuñado, ela gardoulle un loito de dous anos, para min demasiado longo", esgrimiu, antes de engadir que, entón, el iniciou outra relación sentimental.

"Nunca tiven un bis a bis íntimo coa miña muller en ningunha prisión", asegurou, para explicar como era o trato coa nai da súa filla, tamén procesada. "É moi duro expor a vida dunha familia aquí", comentou Miñanco en referencia aos medios de comunicación, antes de engadir que estes "logo van contar o que queren". "Nunca lle dei diñeiro nin á miña muller nin ás miñas fillas", engadiu.

A continuación, contou con detalle as súas distintas relacións sentimentais con varias mulleres de nacionalidades panameña e dominicana, indicou que con algunha delas tivo fillos, comentou o seu paso por distintas vivendas, e mesmo sinalou que viviu "case dous anos no Hotel Rías Baixas" de Pontevedra. Igualmente fixo referencia ao seu paso por distintas prisións.

Feitos todos eles que o distanciaban da súa primeira familia e cos que quixo evidenciar o seu desapego coas relacións empresariais establecidas coa inmobiliaria San Saturnino, o estaleiro O Facho, e demais negocios incluídos neste sumario.

"EU NUNCA TOMEI NINGUNHA DECISIÓN"

Sito Miñanco reiterou que el non ten "nada que ver na súa constitución", e xustificou a súa presenza nas escrituras porque, naquel entón, a súa cuñada tiña "moita confianza" con el, xa que "estaba recentemente separada" e pediulle "o favor de que fose administrador". "Nunca comprei nada a decisión miña", remachou.

Respecto dos detalles polos que foi interrogado polo fiscal, Sito Miñanco lembroulle que lle preguntaba por cuestións "de hai 32 anos". "Tenme que perdoar, pero non podo lembrar. Se está a miña firma alí, fun eu; pero sería por orde da miña cuñada e os seus socios, eu nunca tomei ningunha decisión", reafirmouse.

Ademais de Sito Miñanco, que permanece en prisión provisional desde principios deste ano por outra operación vinculada ao tráfico de drogas, sentan no banco a súa primeira muller, unha excuñada, unha das súas fillas e un empresario, a quen a Fiscalía considera "home de palla".

O fiscal pide seis anos de cárcere para cada un dos acusados e unha multa de 10 millóns de euros, ademais da definitiva dunha axencia inmobiliaria e o comiso de todos os bens incluídos no escrito xudicial.

O Ministerio Público solicita no seu escrito que a Audiencia acorde a clausura "definitiva" da axencia inmobiliaria San Saturnino, así como o comiso da "totalidade" dos bens que foron adquiridos, segundo o escrito xurídico, a través de diñeiro procedente supostamente da actividade delituosa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta