Duro correctivo do TSXG á Xunta por infrinxir os dereitos da "libre expresión" tras pechar Cuac FM

O tribunal acusa á Secretaría Xeral de Medios de atentar contra "os dereitos fundamentais da persoa" e vulnerar o artigo da Constitución española que recoñece o dereito da cidadanía á liberdade de expresión e a recibir e a comunicar libremente información.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/10/2018 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

A Sección Segunda da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG estimou o recurso presentado pola Asociación Colectivo de Universitarios Activos (Cuac) contra a prohibición de emisión radiofónica en FM ditada pola Xunta o pasado mes de febreiro. O TSXG declara na sentenza que Cuac FM ten vixente a garantía temporal de emisión que lle negaba a Secretaría Xeral de Medios mentres a administración competente "non se pronuncie de forma motivada e clara sobre a falta da devandita garantía temporal".

Cuac FM
Cuac FM

Os maxistrados tamén anulan no fallo o apartado da resolución da Administración no que advirte a Cuac FM de que podería ser sancionada se continuase coa actividade. A Xunta baseaba o seu ditame na negación da existencia da garantía temporal de emisión que agora o TSXG lle recoñece a Cuac FM e prevía "futuras sancións" se constataba "o incumprimento da devandita prohibición".

O tribunal, ademais, declara na sentenza que a Secretaría Xeral de Medios infrinxiu "os dereitos fundamentais da persoa" ao vulnerar o artigo da Constitución española que recoñece o dereito da cidadanía á liberdade de expresión e a recibir e a comunicar libremente información. Así, o TSXG sostén que a Administración autonómica infrinxiu "os preceptos legais que constitúen unha garantía temporal de emisión para a actividade de libre expresión e comunicación de información e de creación e uso de medios de comunicación, neste caso dos servizos de comunicación audiovisual comunitarios".

A resolución da Secretaría Xeral de Medios, segundo consta na sentenza, o que fai é "prohibir e advertir da comisión de infracción en caso de desobediencia por falta de licenza", un permiso que o tribunal destaca que Cuac FM "non pode obter dada a inactividade da Administración". 

Os xuíces argumentan que a normativa audiovisual prevé un período en que os operadores poderán seguir emitindo ata que se regule polo Estado, "prevendo a concesión das oportunas licenzas, sen que se producise aínda a regulación normativa en Galicia". Ademais, destaca que o dereito á creación de medios de comunicación "a través dos cales difundir ideas, opinións e información" é unha "das liberdades recoñecidas" na Constitución.

"Contense unha advertencia innecesaria e non se dá solución á demandante dadas as dúbidas que suscita a interpretación da normativa aplicable e dada a contradición apreciada entre os dous pronunciamientos da resolución da Xunta", indica o TSXG, pois destaca que no primeiro punto da resolución, a Secretaría Xeral de Medios arquiva o procedemento sancionador contra Cuac FM, aínda que no segundo apartado advírtelle das consecuencias sancionadoras que podería ter se continuase emitindo. A sentenza do alto tribunal que recoñece a garantía temporal de emisión de Cuac FM pode ser recorrida en casación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Descoñecía completamente esta Historia... https://cuacfm.org/manifiestocuac/ Gracias a GC aínda temos futuro !!!

1 Gamela

Noraboa.... Adiante Cuac FM !!! https://youtu.be/gADKGwaHqC0