O líder de Podemos Galicia aposta por "refundar" En Marea e nega que o Grupo no Congreso estea "roto"

Antón Gómez-Reino convida a Luís Villares a reflexionar após ver tombadas as súas teses políticas no plenario do pasado sábado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2018 | Actualizada ás 19:40

Comparte esta noticia

O recentemente elixido secretario xeral de Podemos Galicia e deputado de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, expresou que o resultado do plenario do pasado sábado reflicte que existe a demanda de "refundar" o proxecto de En Marea para facelo "máis aberto".

Antón Gómez-Reino na TVG. CRTVG
Antón Gómez-Reino na TVG. CRTVG | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista en Televisión de Galicia, negou que a relación entre os deputados de En Marea no Congreso estea "rota", como suxeriu o pasado sábado a súa compañeira nas Cortes Alexandra Fernández, que asegurou que "dúas ou tres persoas" impoñen o seu criterio atendendo a "intereses persoais".

Cuestionado sobre isto último, o de Podemos dixo que respecta as palabras de Fernández, pero afirma que "as decisións" do grupo "sempre se tomaron de maneira colectiva" e que o papel dos deputados de En Marea "está a ser determinante".

Gómez-Reino evitou pronunciarse sobre as declaracións do portavoz do partido instrumental, Luís Villares, quen este luns asegura nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia que os críticos coa súa dirección asestaron un "golpe" no plenario do pasado sábado.

Con todo, convidou ao maxistrado lucense a "reflexionar" sobre o acontecido no conclave, no que as teses da Mesa da Confluencia --promovida por Compostela Aberta e na que participan EU, Podemos, Anova e as mareas de Ferrol e A Coruña, entre outras-- saíron adiante na súa práctica totalidade, incluído o rexeitamento á folla de ruta política proposta pola dirección que encabeza Villares.

"Cando un perde un proceso interno ten que reflexionar", asegurou Gómez-Reino, que cre que do pasado sábado emana unha petición de "refundar" En Marea para convertela nunha organización "máis aperturista" para "atraer a máis sociedade" de cara a vencer nas autonómicas de 2020.

"Hai un debate político san. Hai un grupo de xente que pon sobre a mesa a necesidade de refundar ese espazo, convertelo nalgo máis amplo", remarcou, antes de pór o foco en que Podemos Galicia debe "responsabilizarse" no espazo político pero, á súa vez, tamén "sentirse cómodo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xanti

O nacionalismo de esquerdas debería confluir de novo. Non ten senso algún que esta xente estea cunha xeira de centralistas encubertos...

1 Gómez-República

Refunda ti desde o balneario ese dos Alpes ao que vas. O grupo roto non está porque todos Pablan igual cando hai que pablar.