Increméntanse as peticións contra a mina de Touro no Parlamento Europeo

A Comisión de Peticións da Cámara europea tramita varios documentos como consencuencia do incremento solicitudes cidadás e numerosas adhesións individuais ás xa presentadas mostrando o rexeitamento social ao proxecto extractivo de Touro –O Pino.

Por Galicia Confidencial | O Pino-Touro | 31/10/2018 | Actualizada ás 11:47

Comparte esta noticia

Entre as peticións achegadas ao Parlamento Europeo, A Plataforma veciñal de Touro –O Pino Non, pide a restauración do emprazamento da antiga mina ao descuberto de Touro, activa entre 1973 e 1986. A restauración xustifícase polos efectos adversos sobre o medio ambiente, en particular a posible contaminación das augas do río Ulla e a ría de Arousa, ademais da potencial afección do proxecto extractivo a zonas da rede Natura 2000 no concello do Pino.

Río Portapego contaminado pola mina de Touro
Río Portapego contaminado pola mina de Touro | Fonte: Mina Touro-O Pino Non

As demais peticións fan fincapé nas características da empresa promotora, nos impactos
do proxecto e ausencia de información. Así Cobre San Rafael S. L, creada en xuño de 2016,  é unha filial da empresa matriz Atalaia Mining. A intención é extraer cobre da mina agora abandonada situada no municipio de Touro, na Coruña, que ocuparía 689 hectáreas. Segundo a Plataforma Veciñal Mina O Pino-Touro Non, 492 desas hectáreas son hoxe en día masa forestal e terreo agrario.

Os problemas específicos presentados nas peticións ao Parlamento Europeo serían os impactos do proxecto extractivo, sobre todo na base territorial das explotacións agrarias beneficiarias da PAC, a desaparición de 20 mananciais de auga e as reservas que abastecen polo menos a un cento de vivendas e explotacións gandeiras.

Tamén preocupa a afección a outros mananciais próximos ás zonas previstas para depósitos de estériles e sobre todo ao río Ulla, espazo da Rede Natura. A Plataforma teme que os posibles efectos contaminantes afecten á ría de Arousa, e se podan perder postos de traballos no sector marisqueiro e acuícola. As peticións tamén recollen o malestar e a alarma social xerada pola creación na zona de balsas de estériles con diques de tres quilómetros de lonxitude e alturas previstas de 81 metros, que se encapsularían ao final da súa vida útil a escasos metros de poboacións habitadas.

Segundo apunta na súa nota de prensa a Plataforma contraria á apertura da mina “no caso de fallar estes diques, o estudo de impacto ambiental recoñece que terían consecuencias moi altas en canto a perdas de vidas humanas, danos ao medio ambiente e perdas económicas”.  O que máis lles preocupa son os “dous depósitos de residuos estériles e catro vertedoiros, que ocuparán en total case 300 hectáreas próximas ás vivendas”. Engaden ademais que “o depósito de estériles entre Arinteiro e Vieiro podería converterse, a falta de datos do proxecto, nunha enorme balsa de lodos de ata 50 millóns de metros cúbicos de residuos estériles de mina, con risco para a vida das persoas residentes nas poboacións próximas en caso de rotura”.

Masiva manifestación en contra da mina de Touro e O Pino
Masiva manifestación en contra da mina de Touro e O Pino | Fonte: Plantaforma Mina Touro-O Pino Non

Desde que se coñeceu o contido do proxecto de Cobre San Rafael, veciños e organizacións medioambientais presentaron máis de 1500 alegacións ao proxecto no período de exposición pública que rematou no mes de outubro de 2017. Durante este tempo “máis de 150 asociacións, 43 concellos, as deputacións provinciais de A Coruña e Pontevedra, partidos políticos e sindicatos manifestáronse oficialmente en contra do proxecto”.

O pasado 25 de febreiro máis de 2500 persoas percorreron as rúas de Touro para pedir o rexeitamento da mina. No mes de xuño concentrouse unha manifestación en Santiago de Compostela na Praza do Obradoiro con  “máis de 40.000 persoas que acudiron para protestar contra este proxecto”.  Tamén se lle entregaron ao Presidente da Xunta de Galicia “máis de 26.000 sinaturas en papel contra o proxecto e permanece aberta unha campaña na plataforma dixital Change.org na que dende o mes de xuño xa suma casi 70.000 apoios en contra da apertura desta mina”.

A Plataforma Veciñal Mina O Pino-Touro Non, alega que “tendo en conta as consecuencias que aínda ten para o medio ambiente a antiga mina, comprenderán que o pánico para un novo proxecto sexa brutal ante unha situación” que segundo a mesma plataforma “non parece acorde á Directiva 2014/52/UE sobre a avaliación das repercusións dos proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente”. 

Tamén apuntan que “poderíamos estar ante unha vulneración da Directiva 92/43/CEE do Consejo, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturales e da fauna e flora silvestres e da Directiva 79/409/CEE do Consejo, de 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres”. Outra das directivas que poderían estar sendo vulneradas polo propio Estado, segundo  Plataforma, “sería a Directiva 2006/21/CE do Parlamento Europeo e do Consejo de 15 de marzo de 2006 sobre a xestión dos residuos de industrias extractivas”.

As tres peticións figuran arestora abertas á adhesión da cidadanía, que desexe presentarlles
o seu apoio, a través da web da Comisión de peticións do Parlamento europeo, só teñen
que rexistrarse como usuario e adherirse como forma de apoio.
http://www.europarl.europa.eu/at-your-service/es/be-heard/petitions

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta