Xulio Ferreiro: “Desde Marea Atlántica acredítase que En Marea siga sendo referente do cambio en Galicia”

O actual alcalde da Coruña está vivindo un momento complicado na súa cidade. Alcoa anuncia o peche da súa planta de aluminio a escasos meses da convocatoria electoral municipal. As divisións de En Marea din non preocuparlle tanto como a situación das familias e traballadores da factoría. Mentres, segue confiando en candidaturas inclusivas e amplas para todos os concellos galegos.

Por Moncho Mariño | A CORUÑA | 31/10/2018 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

-Quedan uns meses para as eleccións municipais, como ve o ambiente da precampaña?Realmente teño a sensación de ter vivido unha precampaña permanente durante este mandato. Se lle poñemos que a primeira parte estivo marcada por convocatorias electorais, dúas xerais e unhas autonómicas, pois agora todo o mundo pensa nas municipais. Moitas veces teño a sensación de que o único que estivo pensando no día a día da cidade, dos problemas da cidade e en sacar os proxectos para adiante foi o goberno municipal. A clave preelectora, é certo que segundo avancen os meses vai subir o ton. Pero é certo que determinadas persoas e partidos comezaron o sprint hai moito tempo.

Xulio Ferreiro. Europa Press - Archivo
Xulio Ferreiro. Europa Press - Archivo

-Séntese preparado?
Si, completamente, primeiro para rematar o mandato e para sacar os  proxectos adiante, para encamiñar as cousas para un segundo mandato. E despois con forza e ilusión para unha campaña que nos permita un segundo mandato que permita apuntalar o proxecto de goberno.

-Como valora aos diferentes candidatos das outras forzas políticas?
No PSOE é máis difícil facer unha valoración porque nestes momentos hai catro precandidatos.

"Teño a sensación que o único que pensou nas cuestións da cidade foi o goberno municipal"

-Teme un “Bugallo” do PSOE Coruñés como aconteceu en Compostela?
Creo que ningún dos precandidatos ten o perfil de Xosé Sánchez Bugallo, ningún é exalcalde co que ese perfil non está aí, calquera dos catro teñen as súas fortalezas e debilidades. Eu estou máis centrado en nós, en reafirmar o proxecto, na nosa lista onde se vexa unha dose de innovación e de seriedade e continuidade.

Xulio Ferreiro en el pleno municipal
Xulio Ferreiro en el pleno municipal

-Beatriz Mato, Francisco Jorquera?
Con Paco Jorquera teño unha boa relación persoal, véxoo como unha persoa agradable, honesta e creo que é un candidato do BNG máis pensado nas dinámicas internas do partido que na proxección cara a cidadanía. Sobre Beatriz Mato, penso que supón deslexitimar a quen tivo o protagonismo nestes catro anos aquí no PP da Coruña. Traen unha  persoa desde a Xunta, que non estivo na política local estes anos, iso algo ten que dicir das persoas que estiveron aquí en María Pita durante estes anos. De Beatriz Mato o que me preocupa e que non lle vexo un proxecto de cidade nin unha proposta ilusionante para a cidade. O único que vexo, tamén no PSOE, é ver quen critica máis o goberno municipal. Penso que non hai un intento xa de provocar ilusión no electorado, debido a que o PP ten o saco que ten, a perda de credibilidade e apoios cada vez máis grande, pois iso lévaos a non ter un proxecto e ter a intención de homologarnos aos demais, cousa que vexo difícil de conseguir.

"O único que vexo é ver quen critica máis o goberno local"

-Espera máis denuncias?
Ben, ata o de agora foron todas do PP. Se espero máis? Seguramente poda haber máis, non sei, habería que preguntarlles a eles. É como un intento de converter en escándalo cuestións que non deixan de ser ordinarias de xestión municipal.

-Vense na necesidade de apurar o programa de 2015?
O programa ten un nivel de execución do 80%. Hai cuestións das que dependiamos doutras administracións, como é o recargo do IBI aos pisos baleiros, mentres non estean as normativas superiores que nos permitan facelo, nós non podemos implementar esa parte do programa. O que se apurarán serán os prazos en sacar adiante as cuestións ordinarias adiante. Tentaremos facelo todo no que dea tempo, pero non vexo moito sentido para un acelerón final máis alá do previsto.

-Continúa o consenso entre Marea Atlántica e PP para a condonación da débeda do Porto da Coruña?
Nós seguimos coa mesma proposta  e folla de ruta para o asunto portuario da Coruña desde o primeiro día. Nós non cambiamos nada. Falamos desde o primeiro día de condonar a débeda ou solucións equivalentes que evitasen esa carga, e posibilitasen que a discusión sobre a anexión dos terreos portuarios á cidade non se fixese con esa hipoteca, falamos sempre da necesidade de revisar os convenios de 2004 e de levar o tren a Punta Langosteira. Todo iso sempre estivo na construción dese consorcio que xestionase a incorporación e xestión deses terreos, baixo a premisa de titularidade e xestión pública. Nós estivemos desde o primeiro día, os que cambiaron foron os demais. Sobre todo o PP, que desde a perda do goberno en Madrid, parece que agora ven o que antes non vían. O PSOE tamén se achegou ás nosas posturas. Creo que é para valorar, é positivo, ver como o que defendiamos hai tres anos agora é o consenso praticamente.

-As relacións coa Delegación do Goberno e Deputación provincial son fluídas? Que lles demandaría nestes momentos?
Coa Deputación houbo unha relación fluída todo o mandato. Os votos da Marea Atlántica foron necesarios para manter  o goberno provincial e puidese botar para adiante os seus  proxectos e sempre os tiveron e penso que cunha actuación leal por parte nosa. Tamén penso que nos sucesivos orzamentos da Deputación da Coruña foron recoñecendo obras que eran importantes para a cidade, como a do estadio de Riazor ou o Teatro Colón. Esperamos que nestes últimos orzamentos da Deputación haxa unha achega importante para proxectos propios da cidade e compartillados coa Deputación. E a Delegación do Goberno, desde a designación de Javier Losada, hai unha relación fluída, falamos de asuntos importantes para a cidade e está servindo de interlocución co Goberno central nalgunhas cuestións con máis facilidade e noutras non tan rápido como sería a cuestión do Porto. Eu pediría seguir na relación que temos e estamos tendo.

"O PP desde a perda do goberno en Madrid, parecen ver o que antes non vían"

-Alcoa, case catro centas persoas que perderán o seu traballo. Cre na posibilidade dunha “chantaxe” por parte da multinacional?
Nestes asuntos o que sae á luz son as feblezas dun sistema económico que permita que alguén tome unha decisión nos EE UU ou onde cadre, sen ter en conta as repercusións sociais nunha cidade que queda lonxe dese centro de decisión. Mesmo os gobernos nacionais e a UE están desarmados fronte ese tipo de decisións. Penso que isto demostra unha febleza estrutural do sistema político-económico. O que vexo é unha decisión que non se xustifica desde o punto de vista da rendibilidade e da produtividade dunha planta concreta, que produce con calidade recoñecida, e desde logo cunhas regras de xogo diferentes, regras nas que inflúe a mesma Alcoa, tería uns beneficios que farían viable a súa continuidade.

-A multinacional alega a factura eléctrica e a obsolescencia da planta. Cre nestes argumentos?
A obsolescencia da planta está provocada pola mesma empresa. Se está nesa situación logo de tantos anos á fronte da fábrica é porque non se fixeron os investimentos necesarios, pararon liñas de produción, por tanto é unha situación creada pola mesma Alcoa. Poñer isto de escusa non é leal nin lóxico. Sobre a factura eléctrica, creo que se pode mellorar. Houbo propostas nas conversas previas sobre a factura eléctrica tanto desde o Goberno do estado como da Xunta. Creo que deberiamos fixar unha tarifa industrial, hai que regular o mercado eléctrico doutro xeito, porque é algo que todos os consumidores vemos cada mes cando pagamos o recibo da luz. Máis alá de incomprensible, todos temos a sensación de que é abusiva, froito das desregulación do mercado eléctrico, seguramente froito de que moitos exgobernantes tiveron acubillo nos consellos de administración das grandes eléctricas. Iso fai que non se regule coa firmeza necesaria coa que debara estar regulado ese mercado e pensando que hai outros países que teñen en conta estes puntos para o seu sector industrial.

-Ten a sensación que Xunta e Goberno central fixeron abondo, están facendo abondo para que isto non continúe?
A min o que me gustaría é que non comezasen a botarse as culpas uns a outros para buscaren xuntos unha solución. Creo que estamos aínda a tempo, seguramente o PP cando gobernaba en España, puido ter tomada outras decisións, mesmo as que lle pide á Xunta e que non se fixo. Se aínda estamos a tempo de facelas sería bo.

"A obsolescencia de Alcoa foi provocada pola propia empresa"

-Pasaralle factura este peche a algunha forza política?
Non o sei, non penso nesas claves. Non estou pensando nin na repercusión que poda ter sobre o goberno local, desde logo está lonxe disto. Estou preocupado polas familias e os traballadores e a continuidade da planta. A min é o que me preocupa polo de agora.

-Hai algún plan de contixencia por parte do concello para estas familias?
Polo de agora toca pelexar para que non peche a planta. Aí estamos co concello de Avilés xunto coas dúas comunidades autónomas, o Goberno central e as forzas sociais facendo unha fronte social.

-Que valoración fai do acontecido no Plenario de En Marea?
Houbo unha maioría diferente á dos últimos plenarios porque houbo unha participación seguramente maior ou de sectores que levaban tempo sen acoder ao plenario. Iso evidenciou que aínda habendo certa división ou unha división abondo acentuada, pois hai unha maioría que non está reflectida nestes  momentos nin  na Coordinadora nin no Consello das Mareas.

-A Marea Atlántica séntese representada dentro de En Marea a día de hoxe?
A Marea Atlántica participou en En Marea. Marea Atlántica non se inscribe dentro de En Marea como forza política, senón como persoas individuais, pero si houbo esa decisión política de participar en En Marea, tamén asumín a miña parte de responsabilidade para construir En Marea e para que se puidese presentar ás autonómicas como forza de adscripción individual e como lugar de encontro e confluencia. Si é certo que cando iso botou a andar, eu asumín outras responsabilidades como centrarme máis na Coruña e que outra xente pilotase o proxecto. Pero desde Marea Atlántica acredítase que En Marea siga sendo referente do cambio en Galicia e fiel aos principios fundacionais, que eran atender as situacións de emerxencia social e política nas que levamos, lamentablemente, vivindo moito tempo.

-Ve necesaria a refundación do proxecto?
Vexo que debe ser un proxecto útil para a sociedade galega se poda sentir referenciada en En Marea, que atendamos os problemas da nosa xente e que poidamos construir unha alternativa ao PP e a Feijóo. Creo que iso é o que todos esperamos de En Marea.

"En Marea debe ser un proxecto útil para a sociedade galega"

-E a súa relación con Luis Villares?
Pois é correcta, aínda nos vimos o outro día na manifestación de Alcoa, levo meses tentando apartarme dese tipo de polémicas porque non teño vontade ningunha de substituir a Villares no lugar onde está hoxe, por tanto unha relación correcta.

-Unidos Podemos pode presentar candidaturas fóra das grandes cidades. Isto confundirá ao electorado?
O meu criterio é que para calquera concello do país, vaiamos en listas o máis amplas e inclusivas posible. Listas de confluencia, para min o modelo é Marea Atlántica, Compostela Aberta, Ferrol en Común que son os modelos que funcionaron en 2015 e non teñen por que deixar de funcionar agora.

-No caso de repetir como alcalde, que volvería facer e que non?
O certo é que non sei contestar a esta pregunta. Un pensa que todo canto fai é correcto no momento en que o fai. Eu seguirei no mesmo xeito, facer as cousas como lle dicte a súa conciencia. É certo que un ás veces despois dos anos, pensa que pecou de inxenuo o que se fiou de máis das persoas, pero tampouco me gustaría perder ese trazo da miña personalidade. Non digo tanto a inxenuidade como da xente que me rodea. Penso que tentei facer todo canto puiden en todos os ámbitos, eu seguirei sendo fiel á miña personalidade mentres estea en política.

"O meu criterio é que para calquera concello do país vaiamos en listas o máis amplas posibles"

-Pódese quitar a Feijóo da Xunta?
Hai anos preguntabamos o mesmo sobre Fraga e ocorreu. É unha cuestión de proxecto político e o de Feijóo non se corresponde co dun país viable. Creo que todos os indicadores socioeconómicos de Galicia, ningún deles mellorou mentres os gobernos de Feijóo, os problemas seguen sendo no rural, no interior, na Galicia urbana. O proxecto do PP non se corresponde co país real, se se acerta cunha proposta de país real, se se atende máis a iso que a liortas internas, si pode ser factible.

-Que lle parece o tanteo de Rivera a Paco Vázquez para que entre no proxecto de Ciudadanos?
Non me pronuncio ao respecto. Creo que entra máis na categoría da salsa rosa da política que da política real. 

Xulio Ferreiro
Xulio Ferreiro
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 MAREAS MORTAS

non preocuparse e todo un-ha andromena producida pola intensa festa do samhain... o monopoli urbanístico xa non da para mais, vemos o que esta pasando e sabemos que a marea esta morta de todo, non somos parvos non insulten a nosa intelixencia, agora chega o momento de pagar o que se fixo alcalde A VENDA DE PISOS DOS AMIGOTES MAREISTAS!!!-

2 Fran Correa

Jorquera, Mato, Mister X, Paco de La, la, la... Antigüidades de ornato clásico para un museo dos horrores. Tranquilos, Coruña non vai mudar desta vez. E non por méritos propios do Ferreiro, que non os ten! Xa me gustaría ser amigo mareante e ter un pisiño irregular para (seica) facer negocios... Que imaxe tan rupturista! Era o cambio e foi o recambio!

1 Barón Dandy

puxestes a villares e agora villares non vos vale pero tampouco dades a cara vós institucionalizando o poder das baronías e estabelecendo mecanismos para ver canto porcentaxe de voto ten cada barón etc. Por que non dixirides volos tes en triunvirato baronil? Se total de gobernar as vosas cidades del cambiazo xa parece que pasades